PODCAST.- Banzas envolve nunha trama de misterio unha homenaxe ás mulleres en xeral e a dúas históricas en particular

Pontevedra
14 de novembro 2024
Actualizado: 15 de novembro

'El aliento de las llamas' é a última novela de Ángela Banzas. A escritora galega trae unha historia costumista, misteriosa e unha homenaxe a Emilia Pardo Bazán e Gertrudis Gómez de Avellaneda

'El aliento de las llamas' é a recente novela de Ángela Banzas /Mónica Patxot
'El aliento de las llamas' é a recente novela de Ángela Banzas /Mónica Patxot / PontevedraViva

Madrid 1889. Un incendio no Gran Hotel Inglés. Un dos feridos, Leonardo Ardiles, logra transmitir á súa amiga Elvira Pardo Losada un encargo: atopar a unha muller chamada Jimena cuxo nome pronuncia acompañado dunhas enigmáticas palabras: a nada, aquí.

A compostelá Ángela Banzas crea con este inicio unha ficción onde conflúe costumismo e misterio.

O emprazamento protagonista desta historia é absolutamente real e galego, o Pazo Mariñán de Bergondo.

"Chámanlle o pazo dos sentidos. O enigmático deste lugar é unha placa de mármore fronte ao embarcadoiro que di: a nada, aquí. Contáronme moitas versións da súa lenda e eu decidín crear a miña. Ademais ten, como sucede nas Rías Baixas, moitas camelias, unhas flores que teñen unha beleza moi efémera; e con iso tamén traballei na novela", explica Banzas sen esquecerse da existencia no pazo dunhas aves pantasma que engaden máis suspense á narración.

'El aliento de las llamas' é sobre todo un tributo ás mulleres en xeral e a dúas mulleres históricas en particular: Emilia Pardo Bazán e Gertrudis Gómez de Avellaneda, ambas rexeitadas na súa intención de pertencer á Real Academia Española.

As súas biografías, persoais e profesionais, percorren a novela baixo nomes ficcionados e serven tamén de escusa para recuperar ao mítico personaxe de Zorrilla, don Juan Tenorio, levando ao público lector á luminosa Sevilla que confronta cos brumosos ambientes galegos.

Ángela Banzas, vincellada profesionalmente á Administración Pública e á consultoría, comezou a publicar en 2021 con 'El silencio de las olas', seguidamente, a novela por ano, publicou ''La conjura de la niebla', 'La sombra de la rosa' e a finais do pasado setembro 'El aliento de las llamas'.

Falamos con ela no podcast 'Cara a cara' tras unha recreación sonora das primeiras páxinas deste libro.