'Playoff' amosará no Pazo da Cultura a loita das mulleres do fútbol ante unha sociedade machista

Pontevedra
23 de outubro 2019

A obra teatral, que se representa este venres 25 ás 21.00 horas no auditorio do Pazo pola compañía LaJoven, amosa un vestiario onde sairán á luz as envexas, os soños, as dúbidas e os medos dunhas mozas que o único que queren é vivir do deporte que lles gusta

'Playoff', da compañía LaJoven
'Playoff', da compañía LaJoven / LaJoven

A compañía LaJoven representará a obra 'Playoff' este venres 25 de outubro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. O espectáculo teatral escrito por Marta Buchaca foi xa representado ante máis de 20.000 espectadores en Madrid e Reino Unido e preséntase agora en 50 teatros dentro dunha xira por todo o territorio español.

Sobre o escenario do auditorio pontevedrés, sete mulleres amosarán as dificultades que ofrece o machismo instalado na sociedade para que poidan practicar o deporte que lles gusta.

O elenco está formado por Cristina Bertol, Neus Cortès, Ana Escriu, Yolanda Fernández, María Romero, María Valero e Cristina Varona, que se moven por un vestiario antes de saltar ao campo para disputar o partido máis importante das súas vidas nunha obra dirixida por José Luis Arellano.

Durante a función vai amosarse unha perspectiva do mundo do fútbol entre envexas, soños, dúbidas e medos que aparecen nas protagonistas desta traxicomedia que pon en marcha LaJoven, un proxecto que agromou dentro da Fundación Teatro Joven no ano 2012 como resposta á crise de emprego xuvenil e apoio ao sector educativo ante a diminución de horas lectivas de ensino artístico e humanidades.

As entradas poden adquirirse a través de Ataquilla ao prezo de 20 euros