Vilagarcía de Arousa viviu onte un día grande no barrio do Piñeiriño coa celebración da segunda edición do Solifest, un festival solidario que combinou música, baile, gastronomía e compromiso social.
O evento, organizado pola Asociación Veciñal Breogán e Amencer Aspace no Centro de Atención Integral Princesa Leticia, superou todas as expectativas de participación e ambiente festivo.
Dende as 12:00 horas, as rúas do Piñeiriño convertéronse nun escenario aberto con actividades para todos os públicos.
A zona kids (Festivaliño on the Road) divertiu aos máis pequenos, mentres que a zona gastro, con Rubén García e Xoanqui Ameixeiras, e os cortes solidarios do Salón Gentleman, achegaron o mellor da cociña local a este evento.
As actuacións musicais foron o eixo central do festival, cun cartel diverso que incluiu a Borjamina, Dani Barreiro & Friends, DJ Al, Factoría de Subsistencia e Fran García coa súa particular homenaxe musical ao desaparecido Freddie Mercury.
Tamén actuaron o Grupo Froallo, Isi Vaamonde, Kevin Weatherhill (líder de Inmaculate Fools), Kris K DJ & Carlos Crespo, La Yaya DJ e Somoza Trío.
O alcalde, Alberto Varela, e outros membros do goberno local asistiron ao evento nunha xornada marcada pola solidariedade, xa que a recadación irá destinada integramente a Amencer Aspace, asociación que traballa con persoas con parálise cerebral.

