O auditorio do Pazo da Cultura acollerá esta semana dous espectáculos galardoados nos prestixiosos premios Fetén (Feria Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas): "Lost dog... perro perdido", de Cal y Canto Teatro e "Óscar el niño dormido" de El Espejo Negro.
As entradas para ambos os dous espectáculos, que contan cos seus correspondentes pases concertados con escolares en horario matinal, poderán adquirirse para o seu pase familiar unha hora antes do inicio no vestíbulo do auditorio ó prezo de 3 euros.
"Lost dog... perro perdido" da compañía Cal y Canto Teatro é unha obra recomendada a partir de 8 anos que foi galardoada co premio Fetén 2017 ó mellor espectáculo en espazo non convencional. O pase, de 45 minutos de duración, organizado no Salón do Libro ten un aforamento limitado a 55 persoas.
Un espectáculo de títeres e obxectos onde o telón só se ergue o imprescindible, pois a mirada do espectador conflúe coa do can. Unha historia sen texto, onde os pés e as pernas dos actores son os suxestivos condutores da posta en escea.
"Óscar el niño dormido" de El Espejo Negro é premio Fetén 2017 ó mellor espectáculo de gran formato.
Trátase da historia de Óscar, que tras nove meses en coma, unha mañá fría de inverno algo extraordinario aconteceu… e Óscar primeiro abriu un ollo, y logo os dous, boqueou e espertou. Pero este neno non lembra como falar nin escribir e tampouco como andar…
No Salón do Libro tamén haberá presentacións:
- Venres 17 ás 19 horas.
- Presentación do álbum "Elisa no mundo das maravillas" Concepción Somoza, xerente de APAMP, Cedra Alcaraz, responsable do proxecto, Sara Rivas, membro do equipo creador e Francisco Castro, director xeral de Galaxia
- Sábado 18 ás 19h.
- Encontro: ‘Máis aló do azul e do rosa’. Ana Torres Jack. Editorial Galaxia. Nesta charla, a autora, ofrecerá dunha maneira sinxela e moi clara algunhas estratexias concretas para para prevenir a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia. Dirixida a un público familiar e con entrada libre ata completar cabida.
E tamén sinaturas de libros
- Sábado 18 ás 12:00 horas. Ledicia Costas, autora entre outros dos éxitos Escarlatina Esmeraldina ou Extravaganzza. Tamén estará asinando o ilustrador Víctor Rivas.
- Domingo 19 ás 12:30 horas. Luis Davila. Poderase gozar tamén súa exposición, instalada na Sala.