Pérez Floristán, un pianista novo e sobradamente preparado, actúa no Teatro Principal

Pontevedra
02 de abril 2017

Vén colaborando con destacadas personalidades da música como Daniel Barenboim, Nelson Goerner, Ana Guijarro ou Claudio Martínez-Mehner. O concerto, organizado pola Sociedade Filarmónica de Pontevedra, é este luns 3 ás 20.30 horas

O pianista Juan Pérez Floristán
O pianista Juan Pérez Floristán / Sociedad Filarmónica de Pontevedra

Este luns 3, a Sociedad Filarmónica de Pontevedra ofrece aos seus socios un concerto interpretado por Juan Pérez Floristán, un dos pianistas máis destacados do actual panorama musical europeo.

O concerto será no Teatro Principal e ofrecerá obras de Liszt, Chopin e Moussorgsky. Dará comezo ás 20:30 horas.

Floristán é gañador en agosto de 2015 do Primeiro Premio do XVIII Concurso Internacional de Piano de Santander. Nacido en Sevilla en 1993 vén colaborando con destacadas personalidades da música como Daniel Barenboim, Nelson Goerner, Ana Guijarro, Claudio Martínez-Mehner, Menahem Pressler, Stephen Kovacevich, Horacio Gutiérrez, Marta Gulyas ou Klaus Hellwig, entre outros. Na súa formación merece mención aparte a gran pianista Elisabeth Leonskaja, que supuxo unha axuda inestimable tanto na súa carreira como no seu desenvolvemento persoal e artístico.

A pesar da súa mocidade, Floristán xa foi requirido para actuar como solista con orquestras como Malmö SymfoniOrkester, Orquestra Sinfónica de Radiotelevisión Española, Real Orquestra Sinfónica de Sevilla, Orquestra Sinfónica de Málaga ou Orquestra Sinfónica de Córdoba; e con directores como Pablo González, Marc Soustrot, Adrian Leaper, Lorenzo Viotti, Christian Arming, Salvador Brotons, Víctor Ambroa, Antoine Marguier, Rubén Gimeno ou, co seu pai, Juan Luís Pérez. Tamén desenvolveu unha intensa actividade camerística con formacións como o Cuarteto Casals e o Fine Arts Quartet.

Seguindo os pasos do seu pai, foi introducíndose no mundo da dirección de orquestra. Actualmente, aos seus 23 anos e despois da súa etapa formativa en Madrid, atópase en Berlín continuando a súa formación na Hochschule für Musik 'Hanns Eisler'.