Pequenos grandes músicos súmanse á Filharmónica Cidade de Pontevedra

Pontevedra
07 de outubro 2017

Levaban tempo traballando para conseguilo e, por fin, o soño fíxose realidade. A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra xa ten a súa propia canteira de músicos

Ensaio da formación infantil da Filharmónica Cidade de Pontevedra
Ensaio da formación infantil da Filharmónica Cidade de Pontevedra / Filharmónica Cidade de Pontevedra

Levaban tempo traballando para conseguilo e, por fin, o soño fíxose realidade. A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra xa ten a súa propia canteira de músicos.

Este mesmo sábado iniciou a súa andaina, cos primeiros ensaios, a Orquestra Filharmónica Infantil Cidade de Pontevedra (OFICP) e a Xove Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra (XOFCP). Son dúas formacións para os artistas máis novos.

Novas xeracións de instrumentistas de corda fretada, chegados de distintos puntos da provincia de Pontevedra e mesmo da Coruña, traballarán en conxunto da man dos seus mestres e directores, Marta Souto e Sergio Heredia.

Ambos ensinarán aos integrantes das dúas bandas todo o relacionado co mundo orquestral como o repertorio específico, a afinación, o repertorio de cámara ou mesmo como debe actuar un músico enriba do escenario, entre outros temas.

Despois do grande nivel demostrado nas probas de selección, segundo a filharmónica pontevedresa, estes futuros profesionais teñen o obxectivo posto nas datas próximas ao Nadal, de cara a poder celebrar concertos de presentación.