Peche de diversas salas da Biblioteca Pública de Pontevedra ao longo desta quincena para realizar melloras internas

Pontevedra
16 de novembro 2020

A partir do mércores 18 de novembro vai quedar pechada a sala do segundo andar e progresivamente irán quedando temporalmente sen actividade outros departamentos da Biblioteca Pública Antonio Odriozola. Durante o tempo en que permanezan pechadas as salas tamén vai manterse en suspenso o préstamo de libros

Edificio da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra
Edificio da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra

A dirección da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra anuncia o peche de diferentes salas ao longo desta segunda quincena do mes de novembro. O motivo deste peche temporal de espazos dos distintos pisos débese á realización de melloras nas instalacións.

Este mércores 18 e o xoves 19 de novembro permanecerá pechada a sala do segundo piso. Durante o venres 20 e o luns 23 de novembro tocaralle a quenda á sala que se atopa no terceiro piso do edificio da rúa Alfonso  XIII.

Xa o martes 24 e o mércores 25 quedará sen actividade a sala infantil. Durante estas xornadas, segundo indican desde a dirección do centro, quedará suspendido tamén o servizo de préstamo dos materiais que se atopan nesas salas pechadas.

OBRADOIRO VIRTUAL DE ESCRITA

Por outra banda, continúa aberto o prazo para inscribirse no Obradoiro Virtual de escritura a cargo de Eva Mejuto e que leva por título 'Voces narrativas: Desde quen e desde onde escribimos?'. A intención desta proposta é debater sobre os proles e  contras das posibilidades expresivas, emocionais e narrativas para estudar as diferentes opcións á hora de narrar. 

O curso desenvolverase a través de dúas sesións para o mesmo grupo, o mércores 18 e o 25 de novembro, de 18.00 a 20.00 horas. O público ao que vai destinado é adulto e establécense nove prazas. As inscricións pódense facer a través do teléfono 886.159.249, en horario de 09.00 a 14.00 horas.