Parabéns para o IES Illa de Ons na súa reestrea da versión feminista de 'Os Miserábeis'

Pontevedra
17 de xuño 2024

O auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra encheuse para desfrutar desta proposta que xurdiu dun traballo conxunto de todo un claustro ao redor da importancia dunha práctica docente que fomente a aprendizaxe cooperativa, competencial, dende unha óptica feminista e en lingua galega

Román Rodríguez e Félix Juncal felicitaron ao elenco de Os Miserabeis
Román Rodríguez e Félix Juncal felicitaron ao elenco de Os Miserabeis /

O IES Illa de Ons reestreou este domingo a súa versión do musical 'Os Miserábeis' cunha revisión de xénero da obra de Victor Hugo, potenciando a perspectiva feminista e a ruptura de estereotipos.

O auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra encheuse para desfrutar desta proposta que xurdiu dun traballo conxunto de todo un claustro ao redor da importancia dunha práctica docente que fomente a aprendizaxe cooperativa, competencial, dende unha óptica feminista e en lingua galega. 

Más de 100 persoas, entre alumnado, profesorado, persoal non docente e familiares participaron nesta representación.

Aínda que a adaptación mantén o vínculo do contexto histórico da Francia do século XIX e das revolucións da década de 1830 a adaptación inclúe referencias actuais, sobre todo no que respecta ao papel das mulleres.

Destaca a maior presenza dos personaxes femininos, que adquiren nesta adaptación un papel protagonista. Fantine encarna a loita pola supervivencia; Cosette abandona o rol de damisela en apuros para abrazar a causa revolucionaria; a revolución, que na obra de Víctor Hugo abandera o personaxe de Enjolras, ten unha líder: Gavroche, é unha meniña valente e consciente do momento que vive e disposta a cambiar o sentido do que intúe.

A revolución feminista, a denuncia das desigualdades sociais ou a esperanza que conleva a loita por ideais como a igualdade e a liberdade son algúns dos temas que se abordan desde o momento actual ao longo deste musical.

Non faltan, tampouco, as alusións ao valor da educación como berce de toda revolución, ideal ilustrado que encarna o personaxe da mestra e o canto ás “aulas baleiras e frías” tras o desenlace fatídico da batalla; unha licencia ausente na obra orixinal.

Ademáis do aplauso do público o IES Illa de Ons recibiu a felicitación do conselleiro de Educación, Román Rodríguez e do alcalde de Bueu, Félix Juncal.