Treinta e seis anos de carreira no ámbito da banda deseñada. É o que reúne o Museo de Pontevedra na mostra Mar interior, unha retrospectiva pola traxectoria de un autor tan recoñecido como Miguelanxo Prado. Poderá verse ata o 29 de xaneiro no Sexto Edificio.
Na súa presentación, o autor galego sinalou que o Museo dea cabida a un autor que no 90% da súa obra é banda deseñada "é un signo do propio espírito da institución" e destacou que esta expresión cultural en Galicia "é unha das linguaxes artísticas nas que estamos aportando moitísimo, con autores e autoras actuais moi destacadas".
"Para min esta exposición supón algo moi especial porque expoñer no Museo de Pontevedra é como expoñer na Casa de Castelao, que é onde está o corpus máis importante do seu legado, e para min é como a entrada nunha especie de Olimpo transcendente para a nosa cultura", asegurou Miguelanxo Prado.
O artista avogou pola banda deseñada como forma de arte actual con consideración canónica ao manifestar que cando a Academia das Artes Galegas lle propuxo ser académico "para min supuxo unha tranquilidade no aspecto de que unha das formas artísticas do século XX, como é a banda deseñada e a animación, merecesen a atención e o recoñecemento como disciplina".
Na presentación da mostra estiveron, ademais do propio autor, os comisarios Fausto Isorna e Gemma Sesar, o director do Museo, Carlos Valle, e o deputado de Cultura, Xosé Leal.
Tanto os dous comisarios como o director e o deputado coincidiron en cualificar ao artista como o "herdeiro actual" de Castelao e en congratularse por rematar o ciclo expositivo deste ano con esta mostra.
Xosé Leal cualificou a Miguelanxo Prado como un "artista total" que chega ao gran público e que tamén ten unha importante proxección internacional, sendo un referente en países como Estados Unidos. Na relación entre a súa arte e o legado de Castelao, o deputado mesmo aventurou que "Castelao hoxe en día tamén faría animación".
Mar Interior articúlase en dous eixos. O primeiro é vital e sentimental, co mar como teima recorrente e no que están representadas as obras onde ten especial protagonismo: Trazo de Xiz, Ardalén e De Profundis, entre outros. Neste apartado, exhíbense varios cadros con esta temática, material que non é doado ver nas mostras do autor.
O segundo eixo é temático e percorre os diferentes perfís profesionais do artista: o meirande, como historietista, fai un percorrido breve pero intenso polos libros publicados por Miguelanxo Prado, con especial dedicación a Ardalén, obra que mereceu o Premio Nacional, e o seu último libro, Presas fáciles. Tamén se mostran algúns carteis, material menos coñecido.
En outro dos espazos pódese ver a súa obra como paisaxista, o espazo Lugares; e como ilustrador de libros, obras alleas que o debuxante ilumina. Destaca o dedicado ao seu amigo, o recentemente falecido escritor Agustín Fernández Paz. Inclúense ademais as súas tres últimas obras: Miguel EN Cervantes, O Dragón, e o inédito Mael: Máis alá do bosque de Cornanda.
Por último, hai un espazo dedicado á animación, convertido tamén nun punto de encontro para adultos e rapaces co Xabarín como mestre de cerimonias, onde se poden ver as películas Os Vixiantes do Camiño, en exhibición continua, e De Profundis, en varios pases. Tamén se verán paneis onde se conta a súa aventura como debuxante de animación (Xabarín e Men in Black) e varias cubertas da revista Oink!
As salas estarán complementadas con textos do autor sobre a súa obra e diversas vitrinas con bosquexos, libros, merchandising e outras curiosidades. A banda sonora de De Profundis, obra de Nani García, soará ininterrompidamente como ambiente da exposición.