Paisaxes de Pontevedra baixo a mirada do artista Simon Callery espállanse na Sala Moldes

Pontevedra
15 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A mostra 'The making of a painting / Facer unha pintura' inaugurouse este xoves polo artista británico que contou coa colaboración de estudantes da Facultade de Belas Artes. A exposición complétase coa proxección dun vídeo documental realizado por Ruth Vidal, bolseira da sala e alumna do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, xunto con Carlos Fernández. Permanecerá aberta ata o 30 de abril

Soaking and drying canvas on the banks of the river Lérez, de Simon Callery
Soaking and drying canvas on the banks of the river Lérez, de Simon Callery / Simon Callery

Ata o 30 de abril permanecerá aberta a exposición que o artista británicoSimon Callery presenta na Sala Profesor Manuel Moldes e para a que estivo a traballar durante os últimos meses en colaboración cun grupo de estudantes da Facultade de Belas Artes.

A mostra abríase este xoves na sala universitaria da propia facultade e ofrece unha obra de grandes dimensións, froito do contacto directo coas paisaxes do río Lérez, Mogor e Cabo Udra.

Baixo o título de 'The making of a painting / Facer unha pintura' ofrécese a experiencia do contacto coa paisaxe, que se atopa acompañada pola proxección dun vídeo documental realizado por Ruth Vidal, bolseira da sala e alumna do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, xunto a Carlos Fernández.

Elena Bangueses é a comisaria da mostra promovida coa colaboración da Vicerreitoría do campus e o Departamento de Pintura da Universidade de Vigo, segundo indica o DUVI. O vicedecano de Cultura de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre define a obra de Callery como "unha concepción da pintura marcada pola materialidade" destacando a relación que mantén co territorio.

Os estudantes Goa Vázquez, Julio Catalán, Álex Fortes, Diego del Río e Cristina Rus colaboraron co artista británico na elaboración deste traballo. 

Callery afirma que busca que o espectador poida "sentir fisicamente" a pintura "con todos os seus sentidos", máis aló da vista.