"Outubro de contos" en Bueu para celebrar o Día das Bibliotecas

Bueu
25 de setembro 2024

As sesións celebraranse varios días ás 17.30 horas nas tres bibliotecas municipais co obxectivo de dinamizar e achegar a lectura á cativada. O programa culminará o 24 de outubro na biblioteca de Bueu coincidindo co Día das Bibliotecas

"Onde viven os monstros" de Carmen Domech
"Onde viven os monstros" de Carmen Domech / Carmen Domech

Outubro é o mes das bibliotecas, e o Concello de Bueu celébrao cunha nova rolda de contos, no marco do programa "Outubro de contos" e do "Ler conta moito", que xa tivo sesións en abril e en xuño deste ano cun gran éxito de público.

Dende a concellaría de cultura e bibliotecas, dirixida por Carmen García, preséntanse agora tres novas obras que "encherán as bibliotecas de amor polas palabras co fin de achegar a lectura á cativada".

O programa, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, estenderase durante tres días do mes de outubro ás 17.30 horas nas tres bibliotecas municipais. Así, a primeira das actividades será "Animaladas" de Teatro Calavera, da que se poderá gozar o mércores 9 de outubro na Biblioteca Municipal de Cela. 

A seguinte será o martes 15, á mesma hora, na Biblioteca Municipal de Beluso, coa actividade "Onde viven os monstros" de Carmen Domech. 

O programa rematará o xoves 24, coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas, e farao na Biblioteca Municipal de Bueu, onde se poderá gozar da obra de títeres "O traxe novo do rei".