O proxecto musical do pontevedrés Javier López Gómara lanza este xoves 20 de abrilOtra ronda, o primeiro 'single' que pertencerá o seu primeiro álbum Son.
O tema, nesta ocasión, estará acompañado dun videoclip gravado nos arredores entre A Coruña e Ferrol, asinado polo novo cineasta Martín Caínzos.
Este novo lanzamento de Javier Waterproof, que así se chama o proxecto, está inspirado na película homónima do director danés Thomas Vinterberg e plasma a relación do artista coa obra doutro autor.
Na canción trabállase un son centrado na voz e rodeado de guitarras acústicas e eléctricas acompañadas de sutís toques de electrónica. Tamén se incorpora nela un pequeno fragmento de paisaxe sonora que serve como introdución ao retrouso.
O videoclip está gravado nos cinemas Dúplex de Ferrol debido a que, segundo indica o músico pontevedrés, o cinema é o lugar central no que sucede a acción que se relata e neste espazo é onde se xera a emoción que empuxa a canción. Ademais, o artista ten un gran vínculo con esa cidade xa que foi onde cursou os seus estudos universitarios.
Javier Waterproof é un proxecto de canción de autor indie levado a cabo polo deseñador industrial e técnico de son Javier Pérez Gómara. Actualmente conta coas publicacións do álbum de reprodución estendida Ideas mágicas e varios 'singles'. Entre eles destaca The scarf she wore in red que forma parte da primeira colaboración con Martín Caínzos, sendo a canción da súa curtametraxe 'A moza da bufanda vermella'.
Tras un período de case dous anos de traballo, o lanzamento de Otra ronda marca a saída das cancións que compoñerán o seu próximo traballo que levará como título Son.