"Somos os alumnos da primeira xeración. Os X-Men do Garaxe Hermético", así se presentan estes novos debuxantes da Escola profesional de cómic "O Garaxe Hermético" de Pontevedra. Kiko da Silva, o director deste centro de formación pioneiro en Galicia, chancea: "En realidade, son as cobaias".
Ánxela López Pulpeiro, Fonso Barreiro, Andrés Gil, Andrés Laxeira, Zé Nuno Fraga, Sabela Alonso, Álvaro BP. e o colaborador de PontevedraViva, Ángel Verísimo, son os co-autores do cómic A banda de Moebius (Colección Cornelius), unha novela gráfica conformada polas distintas interpretacións que estes alumnos quixeron ofrecer do conto O libro de area de Jorge Luís Borges.
Baixo as indicacións de guión do escritor Manuel Lourenzo González, estes debuxantes elaboraron, cada un, catro páxinas deste libro no que mostran a súa visión sobre o infinito. A obra é ademais unha homenaxe ao debuxante francés Jean Henri Gaston Giraud, "Moebius", creador dun cómic fundamental que revolucionou a novela gráfica e que presta o seu título á Escola de cómic que conduce Kiko da Silva.
Seis dos novos autores acompañados polo propio Kiko da Silva presentaban na Libraría Paz esta primeira obra que sae dese laboratorio de creadores que é O Garaxe Hermético. O director da escola explicaba no acto que "esta publicación non era un xogo e eles sabía que tiñan que cumprir. Comportáronse como profesionais e cando tiñan que entrar en imprenta, entraron". A banda de Moebius rematou de imprimirse en agosto, uns días antes do inicio de Viñetas do Atlántico. O Salón do Cómic da Coruña serviu como espazo para a presentación oficial desta obra que contou coa supervisión do debuxante Miguel Anxo Prado, que unha vez ao mes ofrece clases no Garaxe Hermético.
"Se non saen da escola publicando, o noso labor non ten sentido" explicaba Kiko da Silva que se mostra moi satisfeito con este traballo que permite abrir unha nova vía para os debuxantes galegos que ata agora aprendían a ser profesionais "dándose golpetazos". Os autores mostrábanse entusiasmados con esta publicación. Ánxela López Pulpeiro recoñecía que "é a primeira vez que fago algo así e resulta un subidón de adrenalina", ela é autora dunha historia costumista pero nesta novela gráfica tócanse diferentes xéneros dende o misterio á ciencia ficción.
Fonso Barreiro, outro mozo creador, é enxeñeiro naval pero deixou o seu traballo porque "o meu soño era dedicarme a debuxar. Cando apareceu a Escola de Kiko a min se me abriu unha porta". E a partir do seu ingreso na escola comezou a adquirir os coñecementos para afrontar unha publicación ilustrada: elaborar un guión, realizar bosquexos, montar unha páxina e mesmo a cambiar o estilo do debuxo. Kiko da Silva admite que, en todo caso, o traballo máis importante que desenvolven na escola remata por ser psicolóxico porque "un loita contra se mesmo e as súas dúbidas".
Agora, no seu segundo ano na Escola, todos estes novos autores traballan xa noutro proxecto editorial máis ambicioso e tamén na publicación dun número cero dixital.