O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro xoves día 19 de agosto ás 21 horas un concerto de violín na praza do edificio Castelao a cargo do violinista Antonio Seijo e o seu grupo Skylight.
O programa inclúe os mellores temas do pop de todos os tempos como ‘Sway’, ’The show must go on’ ou ‘I will survive’ dentro do espectáculo ‘Dolce Vita Tour’.
O aforo é limitado polo que as persoas interesadas deberán reservar praza de maneira previa a través do correo [email protected].
Antonio Seijo é un violinista referente no panorama musical de Galicia, onde pertenceu durante sete anos ao grupo folk Milladoiro. Actualmente é profesor de violín no Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra e realiza concertos como solista nos teatros de grandes navieiras internacionais, ademais de en diversos puntos de España co seu grupo.
Seijo comezou os seus estudos musicais á idade de oito anos co seu pai, oboísta e saxofonista. Estudou violín con Luis Muñiz, Yacek Niwelt e Pedro León, e finalizou aos dezaoito anos a carreira superior de violín no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.
Colaborou coa Orquestra Sinfónica de RTVE, e foi varios anos concertino da Orquestra de Cámara da Comunidad de Madrid. Na súa traxectoria profesional tocou nas bandas de grandes artistas como Bonnie Tyler, Luís Cobos e Julio Iglesias e colaborou como músico con Paul Winter, Alain Stivell, The Chieftains, La Unión e Isabel Pantoja, entre outros artistas internacionais.
Aos 22 anos regresa a Galicia e incorpórase como concertino durante tres anos na Orquestra de Cámara Municipal da Coruña e en 1992 foi cando entrou a formar parte do grupo Milladoiro, onde estivo sete anos dando concertos por todo o mundo.
No ano 1997 obtivo a praza de profesor de violín do Corpo de Profesores de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia, onde actualmente é profesor titular de violín no Conservatorio Profesional de Música ‘Manuel Quiroga’ de Pontevedra.
No ano 2015 fórmase o grupo 'Antonio Seijo & Skylight', para celebrar os 30 anos de Antonio Seijo nos escenarios, e co que ofrece as mellores versións da música pop dos anos 80 e 90.
En 2020 é convidado pola navieira Fred Olsen Cruises para actuar como Guest Entertainer, mentres segue realizando os seus concertos como solista por todo o mundo e colaborando en barcos de cruceiros.