O próximo venres, 28 de febreiro, ás 20,30 h., na Casa da Cultura de Lérez, proxectarase a curtametraxe Flores para Amalia, do director pontevedrés Nani Matos, natural de A Guarda.
O filme, rodado maioritariamente na cidade de Pontevedra, foi estreada no mes de abril do pasado ano no Teatro Principal e xa ten no seu haber varias distincións. No Festival Internacional de Cine Social de Castilla La Mancha celebrado en Toledo, acaba de ser galardoada cos premios do público e á mellor interpretación masculina. Ademais, na última edición do Festival de Curtametraxes de Cans (O Porriño), recibiu os premios do público e do xurado dos veciños á mellor curta de ficción. Este sábado 22 de febreiro recibiu o Premio do Público no "Festival de Cortos por Amor al Arte" na Coruña.
Además Flores para Amalia está nominada ao Premio Mestre Mateo na categoría de Mellor curtametraxe xunto con Idiotas, Real Love e 3-1=0
Trátase dunha historia intimista sobre unha parella que pasa os últimos anos da súa vida nunha residencia para maiores, onde a longa enfermidade da muller levará ao seu home a tomar unha decisión. Velaí un traballo sobre os pequenos xestos da vida e sobre a capacidade de conmovernos co máis próximo. Como sinala o seu director, "Flores para Amalia é unha desas historias cotiás que moitas veces pasan diante e nós case sen nos decatar, quizais porque a maioría dos que as protagonizan pasan inadvertidos para unha sociedade que non se para a mirar cara a atrás".
A curta foi grabada case na súa totalidade na cidade do Lérez e case toda a equipa é de Pontevedra.
Nani Matos contou para este traballo con recoñecidos intérpretes da escena e do audiovisual galegos, no que xunto cos protagonistas, Mela Casal e Gonzalo Uriarte, figuran rostros coñecidos da televisión como Luis Iglesia B., Susana Dans, Teté García, Avelino González, Xan Cejudo, Santi Cortegoso, Xosé M. Esperante e Machi Salgado.
Coñecido principalmente pola súa faceta de actor teatral e televisivo, Nani Matos regresa con este título á realización audiovisual, na que debutou en 2009 como guionista e director da curtametraxe Dies Dei, coa que participou durante dous anos en máis de vinte festivais internacionais, nos que obtivo media ducia de galardóns e mencións especiais.
No acto do próximo venres, na Casa da Cultura de Lérez, estará acompañado por unha parte do elenco de Flores para Amalia e, ao final, ofrecerase unha making off e fotos da rodaxe e abrirase un coloquio cos asistentes. Como é habitual nos "Venres Culturais", a entrada será de balde ata completar aforo. Para o próximo mes de marzo, a programación de "Venres Culturais Cedofeita" estará dedicada á presentación do libro Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939) de Xosé Álvarez Castro.