Os "Soños" de Miguel Vidal chegan por primeira vez ao Museo de Pontevedra

Pontevedra
14 de febreiro 2017

A exposición, que empezará o próximo 16 de febreiro e manterase un mes no Sexto Edificio do Museo, pretende facer chegar aos espectadores o mundo onírico do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal e enfocar o seu traxectoria cara a novas linguaxes e públicos.

Carlos Valle, Xosé Leal, Miguel Vidal e Ramón Rozas na presentación da exposición "Soños"
Carlos Valle, Xosé Leal, Miguel Vidal e Ramón Rozas na presentación da exposición "Soños" /

O Museo de Pontevedra estreará o xoves 16 de febreiro unha mostra de fotografía conteporánea no Sexto Edificio a mans do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal, que exhibirá a súa obra por primeira vez no Museo. No contexto do novo epígrafe da institución, Presente, pasado e futuro, a exposición Soños anunciouse como parte deste proxecto que pretende fixar a mirada nas novas formas de linguaxe e no seu público potencial. 

"Poucas veces atopamos unha mirada tan contemporánea, tan desinhibida, e tan directa cara ao público como a de Miguel Vidal", asegurou o comisario Ramón Rozas, e engadiu con respecto á nova traxectoria do Museo e ao artista: "o gran público poderá ver que somos unha potencia nesta disciplina, e sobre todo partindo da base do fotoxornalismo deste país".

A través da obra do fotógrafo búscase atrapar a forza dos soños nunha serie de 60 imaxes sen lendas nin pés de fotos, repartidas en dúas salas do Sexto Edificio do Museo, e que teñen como obxectivo que o espectador "interprete o seu propio soño", segundo palabras do artista.

CREADOR DE IMAXES E TRANSMISOR DE DESFRUTES

Miguel Vidal empezou a súa carreira como fotoxornalista para Diario de Pontevedra e foi avanzando ata chegar a traballar con medios internacionais como National Geographic e The New York Times. Tamén cubriu eventos de gran importancia como o Prestige ou os 40 anos da revolución cubana. Finalmente, o seu interese pola fotografía artística e a súa experiencia na street photographylevouno a explorar na súa obra o retrato e o corpo feminino, adentrándose na corrente do neopictorialismo, na que se mergulla unha vez máis con esta exposición.

Carlos Valle, director do Museo definiu a Miguel Vidal como "un gran creador de imaxes e un transmisor de desfrutes" e fixo fincapé na planificación previa que levou a cabo o equipo do Museo, o comisario e o artista. Pola súa banda, o fotógrafo pontevedrés quixo agradecer tanto aos responsables do Museo como á Deputación a creación dun espazo para este tipo de obras. "Levo un cuarto de século facendo fotos e nunca antes tiven oportunidade de expoñer nun lugar así", declarou Vidal.

A exposición Soños será inaugurada o próximo 16 de febreiro ás 20:00 horas no Sexto Edificio do Museo e poderá ser visitada ata o próximo 16 de marzo por aqueles interesados no mundo onírico de Miguel Vidal.