O tradicional Concerto de Aninovo que se celebra cada 1 de xaneiro en Pontevedra será, nesta ocasión, aínda máis especial. Nel, serán protagonistas os seis poemas que Federico García Lorca escribiu en Galicia, entre os anos 1932-1934.
A presidenta da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, Judith Rey, explicou que este concerto estará estruturado en dúas partes, sendo a primeira delas a que poñerá música a estas seis pezas poéticas de Lorca.
A través dunha adaptación orquestral realizada polo director David Fiuza, "será unha versión sinfónica a modo de suite", segundo revelou Rey durante a presentación deste concerto, que se celebrará ás 19:30 horas no auditorio do Pazo da Cultura.
"A arte non é engadir música a un poema senón extraer a música silenciada dese poema", sinalou a presidenta da filharmónica pontevedresa, que para esta primeira parte do seu concerto estará acompañada do cantautor Amancio Prada.
Prada, lembrou a responsable da orquestra, foi distinguido por "universalizar" a música e a cultura galega, poñendo son a poemas de autores tan recoñecidos como Rosalía de Castro ou Álvaro Cunqueiro ou á lírica trovadoresca galaico-portuguesa.
"Está encantadísimo de vir a Pontevedra. El define esta parte do concerto como o relato que na súa mente sempre soñou para os seis poemas galegos de Lorca", afirmou Judith Rey.
O resto do concerto, no que a Filharmónica estará acompañada da Coral Polifónica de Pontevedra e de Tequexetéldere, unhas pandereteiras da Estrada, incluirá a música tradicional galega e os valses e polkas tradicionais desta cita musical.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 12 euros, xa están á venda a través da plataforma de venda Ataquilla.com.