Os 'Roedores' rillan no Salón do Libro cunha obra teatral que promove o valor da amizade

Pontevedra
14 de abril 2016

A representación deste espectáculo familiar da compañía Redrum Teatro será no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra este domingo 17 de abril ás 18.30 horas

'Roedores', de Redrum Teatro
'Roedores', de Redrum Teatro

Este domingo 17 de abril ás 18.30 horas, o auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acolle o espectáculo familiar 'Roedores' da compañía Redrum Teatro. A obra será representada tamén durante o luns 18 para centros escolares nunha dobre sesión.

'Roedores', que se inclúe dentro da programación do Salón do Libro, preséntase como un espectáculo familiar con música en directo para menores a partir de 5 anos. O argumento trata de concienciar en valores de fomento da igualdade a través das aventuras dos seus protagonistas, o hámster Peludiño e a rata Munda. Os actores Guillermo Carbajo e Laura Míguez encarnan a estes animais e a montaxe está dirixido por Alex Sampayo.

Esta obra obtivo un gran éxito de público e crítica en novembro de 2014. Conta a historia de Peludiño, un hámster que se escapou da súa gaiola para vivir aventuras na cidade, que coincide con Munda, unha rata soñadora que pasa as noites rebuscando no lixo para levar comida aos seus irmáns. Ambos se terán que enfrontar a un inimigo, o temido Gato.

Peludiño e Munda permitirán que o público se achegue a conceptos como o de igualdade de xénero, de oportunidades, social ou de dereitos. A obra promove o traballo en equipo e a amizade.

Fonte: Youtube