Os primeiros anos do Castelao artista, no Museo de Pontevedra ata xuño

Pontevedra
30 de marzo 2016

No ano 1905 Castelao asinaba a súa primeira obra. Non o facía aínda co seu 'nome de guerra', pero supuxo o inicio da súa etapa como artista. Ese fito é o que levou ao Museo de Pontevedra a aproveitar ese punto de inflexión na súa traxectoria vital como punto de partida da exposición Castelao Artista: Os fundamentos do seu estilo (1905-1920) que se inaugurará este venres 1 de abril no Sexto Edificio

Montaxe da exposición "Castelao Artista" no Museo de Pontevedra
Montaxe da exposición "Castelao Artista" no Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

No ano 1905 Castelao asinaba a súa primeira obra. Non o facía aínda co seu 'nome de guerra', pero supuxo o inicio da súa etapa como artista. Ese fito é o que levou ao Museo de Pontevedra a aproveitar ese punto de inflexión na súa traxectoria vital como punto de partida da exposición Castelao Artista: Os fundamentos do seu estilo (1905-1920) que se inaugurará este venres 1 de abril no Sexto Edificio.

Trátase dunha mostra composta por 96 obras distribuídas nas tres salas de exposicións temporais do Sexto Edificio. A maior parte delas son fondos propios do Museo, pero tamén hai obras procedentes de fundacións e entidades públicas ou coleccións privadas. Así, será a primeira vez que se poderán ver xuntas todas as obras de gran formato de Castelao que se conservan en Galicia.

Ademais, tamén se exhibirán diversos materiais en formato documental como libros e revistas nos que Castelao publicou debuxos e pequenas obras nos seus primeiros anos. Moitas delas, para poder ser expostas, necesitaron dun "delicado" labor de recuperación e restauración por parte do equipo do propio museo pontevedrés.

"O que imos ver nesta exposición non son só os fundamentos de Castelao como artista, senón tamén os fundamentos que van marcar toda a súa traxectoria vital como artista e como político, porque grazas ao este Castelao artista teremos despois ao Castelao político", sinalou o deputado de Cultura, Xosé Leal, durante a presentación da que será a primeira das grandes exposicións que conmemorarán o Ano Castelao.

A exposición percorre a traxectoria vital e artística de Castelao nestes primeiros anos como artista nos que xa comeza a apreciarse a súa posición ideolóxica, ao reflectir nas súas obras as xentes, os costumes, as festas ou as paisaxes galegas, algo que se incrementaría coa súa incorporación en 1916 ás Irmandades da Fala e a súa chegada á cidade de Pontevedra, que tan importante sería na súa traxectoria posterior.

Na cidade do Lérez pintou o que, en 1917, sería o seu último cadro en gran formato A tentación de Colombina, un encargo para a cafetería Royalty que, naquela época, estaba na rúa Oliva. Esta obra, xunto cos bosquexos do que finalmente será o Álbum Nós, supón o final do percorrido que esta mostra facer sobre os primeiros pasos de Castelao como artista, que se poderá contemplar ata o 5 de xuño.

Esta exposición terá continuidade, a partir do 28 de xuño -coincidindo coa data do plebiscito sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia- cunha segunda exposición da obra de Castelao. Baixo o nome de Meu Pontevedra, tomado da "máis fermosa declaración de amor escrita na historia da humanidade", segundo o director do Museo, Carlos Valle, reunirase a obra que o artista de Rianxo produciu en Pontevedra ata xullo de 1936.