Os Premios Mulleres no Foco 2021 poñen en valor o traballo das profesionais galegas no audiovisual

Pontevedra
30 de marzo 2021

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou este martes os Premios Mulleres no Foco 2021, promovidos pola administración provincial en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA)  

Presentación dos Premios Mulleres no Foco 2021
Presentación dos Premios Mulleres no Foco 2021 / Isabel Feijóo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou este martes os Premios Mulleres no Foco 2021, promovidos pola administración provincial en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA).

O salón de plenos do Pazo Provincial acolleu unha vistosa rolda de prensa cun atrezzo que incluía butacas de cine, unha gran pantalla, alfombra vermella e varios focos coma se fora un set de rodaxe.

Estes galardóns Mulleres no Foco 2021 teñen como obxectivo poñer en valor o traballo das profesionais galegas no audiovisual co fin de mudar as cifras de infrarrepresentación actuais das mulleres do sector.

Carmela Silva sinalou que a muller sofre maior invisibilidade e menor presenza no audiovisual, especialmente na dirección, segundo se mostra cada ano no informe CIMA. Con esta convocatoria propóñense tres premios que recoñezan o papel da muller, que recompensen e visibilicen o meritorio labor das galardoadas no seu ámbito de traballo. Para iso, na denominación do premio recollerase o campo de especialización da premiada.

Trátase dunha convocatoria aberta á recepción de candidaturas, nas que se distinguirán perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector e impulsoras do emprego feminino no audiovisual galego, obviamente alén da súa traxectoria persoal e do seu talento.

Cada premio contará con cadansúa dotación económica de 3000 euros, informou a presidenta. Unha vez o xurado os decida entregaranse nunha gala.

Carmela Silva destacou que "cada día as mulleres ocupan máis espazo no audiovisual, pero sería imposible sen o compromiso doutras" e citou expresamente a Cristina Andreu e a Chelo Loureiro porque "con elas chegaron todas as mulleres que se dedican ou queren dedicarse a este mundo".

A presidenta da Deputación afirmou que con este premios "recoñeceremos a traxectoria e achega de tantas mulleres no audiovisual facendo que esas mulleres referentes cheguen a toda a sociedade e visibilizar o seu traballo, xa que aparecen menos do que deberían nos medios". E engadiu que "se as mulleres non están non se conta a historia do mundo, porque falta unha ollada".

Carmela Silva subliñou que as mulleres "temos historias propias que contar e precisamos que falen de nós. As mulleres estamos fartas de estar fóra do plano".

Cristina Andreu, presidenta de CIMA, interveu telematicamente en representación dunha asociación que compón máis de 600 mulleres en todo o Estado. Na súa intervención deixou unha pregunta: "¿Cómo se puede medir el talento si no hay igualdad entre mujeres y hombres?", dixo, en referencia á invisibilidade das profesionais e en defensa de medidas de discriminación positiva. Cristina Andreu declarou o obxectivo de que en 2025 se alcancen cotas de 50% na dirección de filmes.

Pola súa banda, Chelo Loureiro, vogal de CIMA e representante en Galicia, engadiu "precisamos mulleres en todos os oficios, dicirlles ás mulleres directoras que non tarden 10 anos en dirixir as súas segundas películas. En composición musical as mulleres son só o 1%. Agardo que duren moitos anos estes premios".

O acto de presentación rematou igual que comezou cunha interpretación dunha peza musical a cargo de Su Garrido.