Os pontevedreses Mr. River suben o pano do Festival de Jazz e Blues de Pontevedra

Pontevedra
24 de xullo 2019

A música jazz xa ecoa polo centro histórico. Comezou o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra e fíxoo mostrando o talento dos artistas locais. Os pontevedreses Mr. River foron os encargados de inaugurar a edición número 27 deste evento, toda unha referencia no noroeste peninsular

Actuación de Mr. River no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra
Actuación de Mr. River no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra / Cristina Saiz

A música jazz xa ecoa polo centro histórico. Comezou o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra e fíxoo mostrando o talento dos artistas locais. Os pontevedreses Mr. River foron os encargados de inaugurar a edición número 27 deste evento, toda unha referencia no noroeste peninsular.

Nunha ateigada Praza do Teucro, o público puido gozar da fusión do jazz, rock, blues, flamenco, funk ou a música tradicional galega desta banda, formada para este festival e que contou coa colaboración do teclista Adrián Solla.

Mr. River formouse en Pontevedra a finais de 2017 con Miguel del Río, compositor de temas e guitarrista, Santi MarSan no baixo eléctrico e Manuel Bastón Lamas na batería. Este último foi substituído meses despois por Marcos Corbacho.

Todos eles mostraron sobre o escenario o seu estilo propio, bautizado como Riverstyle, un son americano feito en Galicia.

A programación do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra continuará este mércores 24 de xullo, no mesmo escenario do Teucro, co concerto do guitarrista madrileño Álvaro del Valle, que actuará xunto a tres destacados músicos galegos: o saxofonista Fernando Sánchez, o contrabaixista Pablo Patiño e o batería David Puime.