Os pontevedreses Adrián Solla e Javier Otero inician colaboración profesional co tema 'Seimeira'

Pontevedra
17 de xullo 2023

Solla repetirá presenza no Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra xunto a outra formación pontevedresa, Mr River

Javier Otero máis Adrián Solla
Javier Otero máis Adrián Solla / PontevedraViva

O produtor, compositor e teclista pontevedrés Adrián Sollaedita sinxelo acompañado do estradense Javier Otero Neira. Ambos se encargaron da composición, produción e edición do tema.

'Seimeira' está asentado na música tradicional e como sinala Solla "o nexo común é a riqueza musical da nosa terra e levámola ao noso terreo, mantendo os ritmos e melodías que nos inspira Galicia, pero pasándoo por elementos electrónicos, o piano e sintetizadores".

Con 'Seimeira' ambos os artistas musicais inician unha colaboración profesional que se traducirá en futuras composicións cuxo obxectivo é "o mero pracer de facer música".

Adrián Solla, que reside actualmente en Madrid, estudou música moderna e produción musical. Traballa como compositor, arreglista, pianista, músico de estudo e produtor musical para diversos artistas e tamén para producións de cinema, teatro, radio, televisión, publicidade e selos discográficos. Actualmente vira como teclista de Ana Mena, que estará o 15 de agosto en Castrelos.

Javier Otero comezou a súa formación en música clásica na Estrada e completouna no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Defínese como "artista polifacético e experimental". Foi solista na Real Filharmonía de Galicia coa dirección de Zumalave e Óliver Díaz. Editou cinco títulos co seu propio selo discográfico, o último 'Reconstruction' no que fusiona o piano coa electrónica.

Adrián Solla volve este ano aoFestival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedrae repite con outra formación pontevedresa Mr. River. Fan jazz fusión, integrando con este xénero o blues, rock, flamenco, funk ou a música tradicional galega. O pasado febreiro editaron o seu terceiro traballo, un ep titulado 'Night court'. A actuación será o próximo 11 de agosto ás 22.30 horas, na praza da Ferrería.