Xusto un ano despois de se fixera público o seu achado, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, anunciou que os orixinais do Álbum Nós foron cedidos ao Museo de Pontevedra por un período inicial de cinco anos.
"Todo o importante sobre Castelao está custodiado por e no Museo de Pontevedra", sinalou o director do Museo, Carlos Valle, destacando que "hoxe é un día grande" porque este material "vai completar o discurso expositivo que temos nas salas Castelao".
A data escollida para facer este anuncio ten unha importante carga simbólica xa que o 28 de xuño foi o día do plebiscito do estatuto de autonomía de 1936 e do traslado dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos Ilustres.
Despois do verán está previsto que se reformulen as salas do segundo andar dedicadas a Castelao para incorporar estes orixinais.
O equipo do Museo despois de negociar moito tempo conqueríu una cesión por cinco anos "que esperamos sexan prorrogables e culminen nunha doazón ou nunha cesión permanente", afirmou o deputado de Cultura e Lingua.
Hai que lembrar que desde 1924 e ata o ano pasado, non se volveran ver expostas as estampas que conforman o Álbum Nós de Castelao e desde a década de 1930 perdérase a pista do seu paradoiro. Grazas ao traballo de investigación do equipo técnico do Museo de Pontevedra, os debuxos orixinais foran localizados nunha colección particular o mes de marzo de 2016 e foron expostos no marco da mostra "Meu Pontevedra", celebrada entre o 28 de xuño e 11 de setembro, e que conmemoraba o centenario da chegada de Castelao á cidade.
Este mércores, na rolda de prensa na que se fixo este anuncio participaron, ademais de Xosé Leal e Carlos Valle, os comisarios da mostra "Meu Pontevedra", Ángeles Tilve e Xosé Manuel Castaño, que presentaron a publicación derivada daquela exposición.
Trátase dun catálogo que evoluíu cara unha monografía e que achega moita documentación que antes non estaba estudada nun percorrido minucioso pola traxectoria artística de Castelao e a súa vinculación con Pontevedra nunha publicación con máis de 600 páxinas e que inclúe máis de 700 imaxes.
"Esperamos que as persoas que consulten este libro teñan a sensación de estar ante un xenio", afirmou Ángeles Tilve. A comisaria definiu a Castelao como "un personaxe inabarcable" e louvou a súa capacidade de traballo tanto a nivel artístico como político e intelectual.