"Os nomes dos lugares e das persoas teñen a crónica da nosa identidade, a memoria da nosa historia"

Pontevedra
17 de outubro 2021

A VI Xornada de Onomástica proxecta Galicia como referente europeo para o estudo dos nomes de lugar a través do Camiño

VI Xornada de Onomástica
VI Xornada de Onomástica / Real Academia Galega

"Os nomes dos lugares e das persoas teñen a crónica da nosa identidade, a memoria da nosa historia". Estudalos e coñecelos é unha maneira de viaxar polo que somos e, sobre todo, polas raíces do que somos, que tamén é un xeito de pensar e entender o que queremos ser ", destacou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes na VI Xornada de Onomástica Galega reuniu este sábado no Museo de Pontevedra especialistas de distintos ámbitos que profundaron na onomástica a través do Camiño de Santiago.

Estes especialistas detivéronse en como se forxou e se espallou o propio nome de Santiago dende a Idade Media como símbolo de identidade de Galicia, na súa pegada nos nomes propios e apelidos, na toponimia a través do Códice Calixtino ou na evolución semántica dos corónimos Galicia e España, entre outros asuntos. 

O encontro rematou cunha mesa redonda na que se debateu sobre o liderado que Galicia pode asumir no eido da investigación onomástica. 

A académica Luz Méndez coordinou as xornadas xunto á académica numeraria electa Ana Boullón.

Freixanes e a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega; o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey; e a propia Luz Méndez, representantes das tres institucións que dende 2016 organizan as Xornadas de Onomástica Galega, inauguraron esta sexta edición do encontro, aberto ao público para a participación tanto presencial, no Edificio Castelao, como en liña, a través da páxina web da Real Academia Galega.