As persoas integrantes do Consello Asesor do Museo de Pontevedra visitaron este mércores o interior do Convento de Santa Clara acompañados do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera e do director do Museo Xosé Manuel Rey.
A finalidade desta visita era que as persoas integrantes do Consello Asesor fagan a súa valoración da incorporación da edificación á institución museística.
César Mosquera sinalou que durante a visita todos coincidiron en destacar que "prácticamente ningún museo urbano ten unha finca como esta coas posibilidades que ofrece". O vicepresidente tamén informou que xa pasou a Contratación o estudo "para descubrir os misterios que hai aquí".
A arquitecta Teresa Táboas, membro deste Consello Asesor, subliñou que o cenobio das clarisas "case, case é a peza que vai poñer ainda máis de relevo ese modelo de cidade que é Pontevedra" e resaltou a importancia deste enclave "non sóamente no que a arquitectura se refire e o que ten que ver coa propria historia" formando parte da memoria da cidadanía, "senón tamén o que ten de apertura cara ao espazo cidade".
Teresa Táboas cre que a inclusión deste espazo na Boa Vila "é unha xoia para a cidade" e apuntou que "a xente que está detrás desta operación saben que é un reto importante e tamén teño claro que se fará e moi ben" cun edificio "que de resposta ás necesidades do século XXI, e os que veñen por diante, e que de resposta tamén á cidade de Pontevedra".
Teresa Táboas insistiu na importancia de pensar en "clave de Re", é dicir: "rehabilitar, reciclar, renovar, recuperar, retomar aquilo que deixou ou pasado e levalo ás mans dá xente do futuro".
O crítico de arte e membro do Consello Asesor do Museo, Ramón Rozas, comentou que nesta primeira visita ao convento "a primeira impresión é un deslumbramento total, tanto polo que hai como por imaxinar ou que pode haber nun futuro".
Ramón Rozas fixo fincapé no que pode significar este espazo para o Museo para poder exhibir ao público os fondos que actualmente permanecen almacenados sen posibilidade de ser expostos.
Pola súa banda, a directora da Escola de Estudos Deseño Téxtil e Moda de Galicia ( ESDEMGA), Lola Dopico, engadiu que este cenobio "vai ter a capacidade de engadir outras cousas, a nivel de dinamización social, de relación dos cidadáns co propio espazo".
"A idea de conectar a historia de moitos séculos co presente e o futuro encaixa coa mentalidade da cidade e co momento histórico no que estamos", dixo Lola Dopico recoñecendo que todos os membros do Consello Asesor do Museo están "moi emocionados" e concluíu que "todos o percibimos como un gran regalo e a sensibilidade é esa, e cando ves iso tamén dentro do equipo que está detrás sabes que o proxecto vai ir na mellor dirección".