Oito librarías da cidade sacarán os libros á rúa co gallo do Día das Letras Galegas. Todas elas instalarán os seus postos de venda na Praza da Peregrina onde, ademais, haberá un espazo de lectura.
O obxectivo desta iniciativa, impulsada polas concellerías de Dinamización sociocultural e Normalización lingüística, é visibilizar o libro en galego e poñer en valor as librarías de Pontevedra.
As librarías que participan son Aviones de Papel, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Paz e Seijas.
Todas elas abrirán os postos de venda en horario de 11.30 a 14.30 horas e de 17.30 a 20.30 horas.
O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, explicou que esta actividade está enmarcada no paraugas da Festa do Libro, que terá lugar na cidade de Pontevedra os próximos 22, 23 e 24 de xuño.