O talento do audiovisual pontevedrés segue traspasando fronteiras. A última en logralo foi a moza Lucía Martínez. A súa curta, titulada Latidos, foi elixida como a gañadora do primeiro premio no festival Picture This!, organizado por un dos grandes estudos da industria, Sony Pictures Television.
Latidos mostra as decisións aparentemente pequenas e cotiás que a xente pode tomar cada día para contribuír a crear un mundo máis sustentable. Cada consello que se dá na curtametraxe corresponde a un destes "latidos".
Segundo o xurado do premio, a pontevedresa Lucía Martínez demostrou a súa creatividade para transmitir dun modo "sinxelo e claro" como cada individuo pode achegar unha parte importante para a conservación do planeta.
"Cremos que Latidos reflicte realmente a mensaxe proactivo e de esperanza da campaña Picture This e que motiva a outros a adoptar decisións simples e cotiás para mellorar o noso medioambiente", destacou Andy Kaplan presidente da rede de canles de Sony Pictures Television.
O anuncio foi realizado tras un evento celebrado nos estudos de Sony Pictures en Los Ángeles. O festival Picture This! é un concurso de curtametraxes que ten o obxectivo de mostrar historias de esperanza e éxito no mantemento e conservación do medioambiente. Á súa final chegaron sete pezas audiovisuais de diferentes países.
Tras alzarse co primeiro premio, Lucía Martínez -que fora seleccionada para esta final en representación de España e Portugal- explicou que comezou a crear o vídeo "porque quería demostrarme que podía facelo, pero enseguida deime conta de que con iso podería achegar algo positivo ao medioambiente".
"Espero que a xente cree a súa propia lista de sinxelos xestos para coidar do planeta e que esa lista creza cada día. Véndoo con perspectiva un dáse conta de todo o que pode facer", engadiu a moza pontevedresa.
Como gañadora deste certame internacional, foi premiada con 5.000 dólares e con diferentes produtos da marca Sony como unha televisión 55'' 4K e unha cámara Sony Alpha a6300 mirrorless.
O resto dos finalistas, procedentes dos territorios nos que emiten as canles de televisión propiedade de Sony, foron Alexander Kuchaev (Rusia), Alfred Matshebelele (Sudáfrica), Carina-Maria Toma (Europa central), Grant Fergus (Reino Unido), José Santiago Aguirre (América latina) e Lien Ho Anh (Asia).