Os estudos de arquitectura e xénero de María Novas, premiados na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo

Bueu
22 de setembro 2023

Co seu premio xa na man, Novas destacou que este galardón "supón tamén recoñecer como os roles de xénero se reflicten nos lugares que habitamos e como houbo e hai mulleres que traballan para que a arquitectura sexa un espazo de igualdade"

María Novas, na entrega de premios
María Novas, na entrega de premios / BEAU Oscar Romero

A arquitecta natural de Bueu María Novas Ferradás acaba de ser recoñecida na XVI Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, a convocatoria máis destacada do sector a nivel estatal, polo seu traballo 'Arquitectura y género. Una introducción posible'

Este estudo de María Novas resultou premiado na categoría de Investigación e Difusión da XVI Bienal e a arquitecta e investigadora recolleu a pasada noite o galardón na Real Fábrica de Artillería de Sevilla.

Co seu premio xa na man, Novas destacou que este galardón "supón tamén recoñecer como os roles de xénero se reflicten nos lugares que habitamos e como houbo e hai mulleres que traballan para que a arquitectura sexa un espazo de igualdade".

A Bienal deste ano recibiu máis de 800 candidaturas, centradas todas elas en reflexionar sobre como o hábitat futuro comeza a construírse desde as accións do presente. Marina Otero Verzier, da Design Academy Eindhoven, unha das integrantes do prestixioso xurado, destacou que no apartado de Investigación e Difusión, no que foi premiada María Novas, "a selección das obras amosou os temas contemporáneos aos que se enfronta a arquitectura pero tamén a sociedade, como o cambio climático ou a arquitectura e o xénero".

O ensaio 'Arquitectura y género. Una introducción posible' convida á reflexión sobre a disciplina da arquitectura desde o entendemento de que se trata dun ámbito patriarcal que é orixe de desigualdades efectivas. A construción dos espazos ten un sentido cultural: o seu deseño limítase, xerarquiza e valora desde as estruturas de poder e pode perpetuar sistemas de dominación.

Neste traballo, Novas Ferradás sostén que a incorporación da perspectiva de xénero nos estudos e investigacións de arquitectura é unha cuestión de xustiza social ineludible por máis tempo.

María Novas Ferradás é arquitecta pola Universidade da Coruña, máster en Investigación Aplicada en Estudos Feministas (UJI), máster en Rexeneración Urbana e Rehabilitación (USC) e na actualidade atópase finalizando o doutorado en Historia e Teoría da Arquitectura na Universidade de Sevilla.

Conta con ampla experiencia na publicación e edición de artigos e libros que documentan a influencia dos movementos feministas na arquitectura e o deseño urbano, incluíndo revistas académicas.

Actualmente reside nos Países Baixos, onde exerceu como docente e investigadora na Universidade Técnica de Delft, alén de desenvolver o recoñecido proxecto Cherchez la femme!, apoiado pola Colección Nacional de Arquitectura e Urbanismo Neerlandesa. Así mesmo, ten sido convidada como relatora e profesora en España, Arxentina, Brasil ou Reino Unido.