Os de Algures regresan ao Principal co espectáculo músico-teatral "Cando saín de Cuba"

Pontevedra
09 de novembro 2023

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá este sábado 11 de novembro, a partir das 20:30 horas, un novo espectáculo músico-teatral creado por Os de Algures. Trátase de Cando saín de Cuba, continuación da peza De Pontevedra a Habana presentada o ano pasado

Espectáculo 'De Pontevedra á Habana' no Teatro Principal
Espectáculo 'De Pontevedra á Habana' no Teatro Principal / Cristina Saiz

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá este sábado 11 de novembro, a partir das 20:30 horas, un novo espectáculo músico-teatral creado por Os de Algures. Trátase de Cando saín de Cuba, continuación da peza De Pontevedra a Habana presentada o ano pasado.

Preto de noventa persoas está implicadas neste proxecto, no que participan aproximadamente dez agrupacións locais de disciplinas como o teatro, a danza ou a música.

Contará ademais cunha escenografía espectacular acompañada por un vistoso vestiario que xa son característicos das producións desta agrupación folclórica. 

En Cando saín de Cuba, Os de Algures van de Cuba a Nova York para homenaxear a figura dos homes e das mulleres "que fixeron as súas vidas na emigración e deixaron a súa pegada nas artes escénicas, musicais e líricas", subliñan desde a organización.

Ademais, o espectáculo é un recoñecemento a Eduardo Pondal e Pascual Veiga, Curros Enríquez e José Castro ou Xosé Fontenla Leal "como promotores e creadores do himno que hoxe nos representa a todos os galegos, explicando o legado que nos deixaron estes ilustres galegos".

Nunha peza dividida en catro actos, cun breve descanso na metade, pasarán polo escenario para representar esta viaxe doce músicos de Os de Algures, trinta coristas do Coro Vinderel do IES Xunqueira 1 de Pontevedra ou os músicos da orquestra cubana Rompiendo la rutina.

Tamén participarán bailaríns da asociación de danza e teatro Cafuné, seis bailaríns da escola de danza Pontebaile, actores de Teatro Argallada e Tarabelos ou dezaseis figurantes dos grupos de Teatro Cafuné, Galidanza e Tremoias de Algures.

A producción conta tamén con preto de dez persoas que forman parte do equipo técnico, iluminación, audiovisuais, atrezzo e montaxe escenográfico. 

Os de Algures aseguran que todo o mundo é benvido ao espectáculo pero que os maiores de Pontevedra, "gozarán especialmente ao ser coñecedores de todo o repertorio" con pezas como Dos gardenias, El manisero, Guantanamera, Quizás ou Vivir lo nuestro.

A entrada será libre ata completar o aforo dispoñible no Teatro Principal.