Barro iniciará en xuño a súa aposta polo ciclo de actividades culturais que percorrerán todas as parroquias do municipio ao longo do verán. Será cos Concertos do Viño.
Esta actividade, que substitúe á cancelada Festa do Viño, desenvolverase no Pazo da Crega os próximos días 19 e 20 de xuño, segundo anunciou o goberno municipal.
Os Concertos do Viño comezarán coa actuación do grupo Luar na Lubre o sábado 19 ás 22:00 horas. O domingo 20, ás 12:00 horas, será a quenda de Píscore cun espectáculo para público infantil e, pola tarde, ás 20:00 horas actuará a Banda xuvenil de Barro con Suso Vaamonde.
As actuacións serán gratuítas e con aforo limitado. Será necesario retirar a entrada nas dependencias do Concello, que estarán dispoñibles a partir do 1 de xuño en horario de mañá.
Co obxectivo de extremar as precaucións e de realizar unha actividade segura e sen riscos, utilizarase un sistema de control no que as cadeiras estarán numeradas e separadas por sectores e no que os asistentes terán que aportar os seus datos persoais á hora de recoller as entradas coa finalidade de ser contactadas se fora necesario.
Poderanse expedir un máximo de cinco entradas por persoa.