O de Pontevedra é un dos 82 cinemas de toda España que, desde este mércores, exhibe na súa carteleira a película galega O corno, dirixida por Jaione Camborda, a flamante Cuncha de Ouro á mellor película no recente Festival Internacional de Cinema de San Sebastián.
Será con dous pases diarios, ás 19:45 e ás 22:00 horas este xoves, venres e sabado; o domingo, ás 17:45 e ás 20:00 horas; e a partir do luns, ás 18:15 e ás 20:30 horas.
O corno, rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa -Vilanova ou A Illa-, o Baixo Miño e no alto Minho portugués, protagoniza así a maior estrea dunha película en versión orixinal en galego en toda a historia do audiovisual patrio.
Narra a historia de María, á que encarna a actriz Janet Novas, unha mariscadora da Illa de Arousa e tamén matrona da Galicia dos anos 70, coñecida por axudar a outras mulleres no parto con especial dedicación e coidado.
Tras un suceso inesperado, vese obrigada a fuxir e emprende unha perigosa viaxe que lle fará loitar pola súa supervivencia.
En busca da súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha dos roteiros de contrabandistas entre Galicia e Portugal.
O elenco da película complétase cos actores Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes ou Diego Anido (As Bestas).
Ademais de Pontevedra, O corno poderase ver estes días no Cine Seixo (Marín), no Cine Avenida (Caldas de Reis) ou nos Minicines Central (A Estrada), xunto cunha presenza masiva no resto de grandes cidades galegas.