Os 'bichos' da casa invaden o Salón do Libro

Pontevedra
01 de abril 2016

A XVII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abriu as súas portas este venres no Pazo da Cultura. Este ano leva como nome 'Canta bichería!' e está ambientado no libro As peripecias de Extravaganzza Pérez, escrito especialmente para o evento por Ledicia Costas

Apertura do Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2016
Apertura do Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2016 / PontevedraViva

Os máis pequenos da casa xa gozan da XVII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, inaugurado este venres no Pazo da Cultura.

Este ano o Salón leva como nome 'Canta bichería!', ambientado no libro As peripecias de Extravaganzza Pérez, escrito especialmente para o evento por Ledicia Costas.

Precisamente unha función de teatro musical ambientado neste libro foi a encargada de inaugurar a programación, antes da apertura oficial de portas para que os 'bichos' da casa pasasen a gozar cos libros, diversas actividades e da mascota Orbil.

Entre as primeiras actividades destacou un obradoiro impartido por Anxo Fariña, o 'Safari Contográfico' de Pavís Pavós e o contacontos 'Algo está pasando en Ilusión Ártica', a cargo da Unidade de Cutura Científica do CSIC Galicia.

Ao finalizar a función musical, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, quixo agradecer aos asistentes que "seguisen crendo neste proxecto" despois de tantos anos.

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil permanecerá aberto ata o próximo 23 de abril.