Os bebés serán os protagonistas do Salón do Libro durante o próximo fin de semana a través das actividades que o coñecido musicólogo portugués, Paulo Lameiro, ofrecerá no Pazo da Cultura destinadas a que os máis pequenos teñan as súas primeiras experiencias coa música.
O sábado 22 de marzo ás 11:30 o Salón de Actos acollerá unha conferencia por parte deste estudoso dirixida especialmente a educadores baixo o título 'Por que música para bebés? Bases teóricas. Que repertorios? Que instrumentos? '.
Xa pola tarde, a partir das 17.30 pasarase ás actividades prácticas e Paulo Lameiro acompañado de Inesa Markava dirixirá un taller para familias con bebés titulado 'Berço das artes que cozinhan contos e cantos', unha proposta que ten como público destinatario a nenos menores de 18 meses. Para este obradoiro existe límite de prazas e só poderán asistir 15 bebés acompañados por dous adultos. A retirada dos pases poderá realizarse a partir das 17.00 horas.
Durante o domingo celebraranse tres concertos exclusivos para bebés ás 11.00, 12.30 e 18.00 horas. Lameiro xogará neles coa musicalidade dos libros e das palabras baixo o título 'Saborear o son dos livros'. Nesta ocasión, as prazas estarán limitadas a 70 bebés que poderán estar acompañados por dous adultos en cada unha das funcións.
Para esta actividade o prezo é de 6 euros, que se poden adquirir a través de servinova. Se non se esgotan previamente, os interesados poderán adquirilas no despacho de billetes do Pazo da Cultura dende unha hora antes de cada función.