Os arxentinos Todos tus muertos estarán no SonRías Baixas 2017

Bueu
22 de febreiro 2017

A mítica banda arxentina, os sevillanos Narco e o carismático cantante e compositor de El Puchero del Hortelano, Arco, súmanse a Amparanoia e a Sés no cartaz do festival que encherá Bueu de festivaleiros os días 3, 4 e 5 de agosto

Todos tus muertos (TTM)
Todos tus muertos (TTM)

Todos Tus Muertos foi, desde o seu nacemento a mediados dos 80, todo un referente do rock latinoamericano. Tres dos seus membros máis emblemáticos -o cuarto faleceu en 2011- reúnense por primeira vez en España 16 anos despois da súa separación para ofrecer a primeira fin de semana de agosto, en Bueu, un concerto imprescindible que fará cantar, saltar e poguear ao público do SonRías.

Será a única oportunidade en Galicia de gozar co reencontro dunha das bandas máis icónicas da música latinoamericana. A organización dá continuidade, así, á presenza de grandes bandas da outra beira do Atlántico no festival.

Os arxentinos súmanse, xunto co metal, o rock e o rap da banda sevillana Narco –referencia imprescindible no rock español- e máis co proxecto persoal do carismático cantante e compositor de El Puchero del Hortelano, Arco, ao cartel da XV edición do Festival SonRías Baixas.

A organización, que xa adiantara a presenza de Amparanoia e Sés, advirte que este mércores mesmo pon á venda, na web sonriasbaixas.info, as entradas cun prezo especial –e limitado- de 27,50 euros máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída, e anuncia que axiña se confirmarán o resto dos artistas.