O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de acoller o acto de presentación da XIV Ruada Musical de Os Afoutes do Canón de Pau, que terá lugar este sábado, 9 de novembro, dende as 20.30 horas no antigo mercado de Cuspedriños.
O certame foi publicitado nun encontro celebrado na casa consistorial de Carballedo coa presenza do alcalde, Jorge Cubela, e de membros da agrupación cultural.
Ao igual que en anos anteriores, a Ruada de Cuspedriños mantén o mesmo formato e está aberta á participación de todas aquelas persoas que desexen amosar as súas dotes musicais libremente, aínda que tamén se orienta ao público en xeral que simplemente pretenda gozar dunha velada de música tradicional coa familia ou os amigos.
Esta festa, que se prolongará por espazo dunhas cinco horas, tamén contará con petiscos para todos os asistentes.
O rexedor local quixo animar á veciñanza a sumarse a este acto cultural e musical.