Os abonos para a nova tempada de teatro de Afundación, á venda o 29 de novembro

Pontevedra
26 de novembro 2023

Afundación, a Obra Social de ABANCA, vén de anunciar que xa están a venda os abonos para a súa Tempada de Teatro en Pontevedra de xaneiro a xuño de 2024 na que participarán algúns dos intérpretes máis relevantes da escena española como Lolita Flores, Alejo Sauras ou o galego Christian Escuredo  

Lolita Flores, na obra 'Poncia'
Lolita Flores, na obra 'Poncia' / Javier Naval / Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, vén de anunciar que xa están a venda os abonos para a súa Tempada de Teatro en Pontevedra de xaneiro a xuño de 2024 na que participarán algúns dos intérpretes máis relevantes da escena española como Lolita Flores, Alejo Sauras ou o galego Christian Escuredo.

Os abonos teñen un 20% de desconto con respecto ao prezo das entradas soltas e estarán á venda do 29 de novembro ao 1 de xaneiro na web Ataquilla.com. As entradas soltas estarán dispoñibles a partir do 2 de xaneiro na web Ataquilla.com e na Sede Afundación de Pontevedra, lugar onde se celebrarán todas as actuacións.

Esta nova tempada está encadrada no programa solidario 'Cultura por Alimentos', levado a cabo en colaboración con FESBAL. Así, os asistentes poderán doar alimentos non perecedoiros depositándoos nos lugares habilitados para eles no acceso ao edificio. Todo o recadado será doado ao banco de alimentos local.

Abrirá a tempada 'La ilusión conyugal', dirixida por Antonio Hortelano e interpretada por Álex Barahona, Ángela Cremonte e Alejo Sauras, o venres 2 de febreiro.

O xoves 21 de marzo representarase 'Hechos y faltas', adaptada e dirixida por Bernabé Rico e interpretada por Antonio Dechent, Gonzalo Hermoso e Ángeles Martín.

'El novio de España' é a seguinte obra, que sairá a escena o venres 26 de abril', mentres que o broche o porá 'Poncia', interpretado por Lolita Flores, que sairá á escena o xoves 6 de xuño.