Os 15 Bolos trasládanse á praza de Curros Enríquez con formato de festival

Pontevedra
23 de xullo 2016

Na súa cuarta edición os 15 Bolos concentran a súa oferta musical na praza de Curros Enríquez. Catorce dos quince grupos pontevedreses participantes actuarán os días 27 e 28 neste emprazamento, mentres que o décimo quinto farao o 13 agosto na praza de España abrindo os concertos da Peregrina e xunto a Dorian. Para esta ocasión Concello e Local de Ensaio queren darlle un carácter máis profesional e igualmente un formato de festival.

Reunión organizativa de 15 Bolos
Reunión organizativa de 15 Bolos / Mónica Patxot

Os 15 Bolos xurdían hai catro anos coa intención de promocionar os grupos locais. Con aquela intención, varias prazas da cidade servían de escaparate para estas formacións, acompañando a afluencia estival aos devanditos emprazamentos.

Agora, Concello e Local de Ensaio propuxéronse profesionalizar o evento musical e para iso cambiaron o formato ao estilo festival e concentran catorce das quince actuacións na praza de Curros Enríquez. O último deles será o 13 de agosto na praza de España, abrindo xa os concertos da Peregrina e cando La casa de los ingleses subirá ao escenario xunto a Dorian.

Os restantes terán lugar os días 27 e 28 de xullo a partir das cinco da tarde. O mércores 27 estarán Visceral Eyes, Australia, Skirl, Cora Sayers, Isanda, The Grave Dolls e Glitter&Litter. O xoves 28 actuarán The Soul Breakers, Mr. Magoo, Onion Smile, The Shoubinhas Experience, Black Dog, Champurrada e The Trunks.

O programa previsto é este:

Mércores 27. 17.00 horas. Visceral eyes. Móvense entre o post punk, shoegaze e darkwave. No seu perfil de Facebook defínense así: "amor, confusión, estreñimiento, divinos métodos de transfusión de ideas. Reverencia cara ao salvaxe e entrañable. Comitiva de frustración e soños interestelares. Este é o noso último argumento. Isto é VISCERAL EYES. Sacados dunha rede para mediados de 2012. Cortados en anacos e cociñados a finais do mesmo ano". 

Mércores 27 ás 17.50 horas. Australia. Este cuarteto pontevedrés está integrado por Javier Lago, Irene Pérez, Nerea Piñeiro e David Troncoso. A súa música bebe do piano pop e o soul. Comezaron a xestarse en xaneiro de 2014 e aquel verán conformouse o grupo ao completo. En novembro de 2015 presentaron a súa primeira maqueta "Parade", tanto en formato CD como online, con cinco temas. Este verán actuaron xa en Celanova, o festival Portamérica e en Vigo. Tras o seu segundo ano nos 15 bolos, en agosto agárdalles o público de Cangas.

Mércores 27 ás 18.40 horas. Skirl. Comezaron a súa andaina en 2011. Actualmente son catro integrantes: Javi, Rubén, Aritz e Alberte. En 2013 gravaron o seu primeiro LP co mesmo nome da formación. Interpretan un estilo próximo ao hard rock con matices alternativos e grunges. Inspíranse en Led Zeppelin, Black Sabbath, Nirvana, Pearl Jam, Foo Fighters, Soundgarden ou Alice in Chains.

Mércores 27 ás 19.30 horas. Cora Sayers. O nome corresponde ao da actriz que pon a voz e compón os temas, Cora Velázquez. O seu primeiro EP de 2014 leva por nome "Orixe", e en 2015 chegaría o LP "I'm home". Neste 2016 teñen unha abundante axenda de concertos pola xeografía galega. 

Mércores 27 ás 20.20 horas. Isanda. Trío de rock alternativo e hard rock, integrado por G. Isanda, Nico Lysergic e Gon Itaca.

Mércores 27 ás 21.10 horas. The Grave Dolls. Son un grupo de blues/rock psicodélico, puramente setenteiro con enérxicas guitarras e voces desgarradas. Seguidores de Muddy Waters, Miles Davis, Pink Floyd, Santana, Deep Purple ou The Who. Levan no panorama musical pontevedrés desde 2011. En 2013 sacaron o seu primeiro disco,"Calypso".

Mércores 27 ás 22.00 horas. Glitter&Litter. Foron este pasado xuño, xunto a Raw Fun, os dous grupos convidados polo grupo de punk rock Lucy and the rats para acompañarlles nos concertos que ofreceron en Galicia durante a súa xira española e que tamén pasaron por Pontevedra.

Xoves 28 ás 17.00 horas. The Soul Breakers. Bea Mazaira, Juan Pablo Charlo, Sara Martínez, Jaime Garrido e Xito Outeiro mesturan soul, rhytm&blues, swing, funk e rock. Este ano participaron na 38 edición dos Premios Rock Vila de Madrid e gañaron o Concurso de maquetas Millo Verde de Redondela. Como eles din na súa presentación, o fin nun concerto é "gozar da música, compartila e non deixar indiferente a ninguén".  

Xoves 28 ás 17.50 horas. Mr Magoo. Xorden no panorama local en 2004. Nútrense da música dos 60 e os 70 para facer power pop e rock; inicialmente versioneando temas doutros e progresivamente incorporando os seus propios. En 2011 gravan a súa primeira maqueta e en 2014 o EP "Aux barricades".

Xoves 28 ás 18.40 horas. Onion Smile. A banda de rock alternativo comeza a xestarse en 2013 e é en 2015 cando completan a formación actual. Nese mesmo ano editan o EP "Know your onions" con catro cancións; actualmente ultiman o próximo EP que levará outros cinco temas novos.

Xoves 28 ás 19.30 horas. The Shoubinhas Experience. Grupo vigués que ofrece blues clásico e rock con acento olívico. Editaron o seu primeiro traballo "A home called Metrópoles "en 2015 da man do produtor e enxeñeiro de son británico Philip Newell, co-fundador de Virgin Records. Nos seus temas evidéncianse influencias da Creedence, Black Crows ou Grateful Dead.

Xoves 28 ás 20.20 horas. Black Dog. Outra das bandas veteranas desta edición xa que xurdiron en 2009 poñéndose o nome dunha das míticas cancións de Led Zeppelin. Un trío de rock que integran Miguel Prado, Alfonso Lage e José Vázquez, todos eles con experiencia en grupos anteriores. Nos seus concertos ofrecen versións dos 70 e 80 xunto a temas propios.

Xoves 28 ás 21.10 horas. Champurrada. Esta banda de Poio leva uns vinte anos ofrecendo o chamado rock bravú aos seus seguidores. A súa filosofía sobre o escenario: facer que o público se divirta e de paso, eles tamén. 

Xoves 28 ás 22.00 horas. The Trunks. Comezaron en Sada en 2011 aínda que ata 2013 non se reúne a formación actual. Con breve percorrido no tempo, esta banda de indie rock compartiu escenarios coas primeiras referencias destas tendencias musicais. Este ano están de xira presentando o seu primeiro álbum "Bipolar".

Arquivado en