A biblioteca do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra empezou este xoves un percorrido polas parroquias da cidade para presentar a vindeira edición da cita cultural e recoller as suxestións dos cativos a través dunha serie de furnas que distribuirá o propio Orbil.
Esta etapa de itinerancia partiu na tarde deste xoves da Biblioteca 'Carabuñas' do centro sociocultural de Monte Porreiro cun acto de presentación que correu a cargo da concelleira de Cultura e Educación, Carme Fouces.
A de Monte Porreiro foi a primeira das paradas, xa que está previsto que nos próximos meses a mascota do Salón, Orbil, visite varias parroquias pontevedresas, entre elas, Lérez, Xeve e Verducido.
Fouces aproveitou a ocasión para presentar a vindeira edición do Salón, que se celebtrará do 22 de marzo ao 12 de abril de 2019, e destacou que esta iniciativa é "un xeito de darlle vida aos libros durante todo o ano" e ampliar de temporalmente o catálogo de literatura infantil e xuvenil co que contan nas parroquias.
"Levamos o Salón aos recunchos da cidade e aproveitamos para que a cativada achegue as súas suxestións e propostas a ter en conta para mellorar ou programa no futuro", explicou Fouces, para engadir que se trata dunha canle máis, das moitas coas que conta o Salón, para a recollida de feedback por parte dos protagonistas.
Desde a organización do Salón destacan que a acollida desta primeira experiencia non puido ser mellor e as nais organizaron un contacontos para festexar a recepción deste lote de exemplares queenriquecerá a súa biblioteca. A posteriori os pequenos estrearon a furna coas súas propostas, entre as que se atopaban "máis cores nas paredes, máis música ou unha obra teatral sobre o Sistema Solar". Remataron a visita cun baile moi especial para Orbil.
Aqueles centros socioculturais interesados tamén no préstamo, poden solicitalo contactando a través do correo [email protected].