Orbil, a mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, chegaba hai xa tres semanas para abrir a edición 2013 A toda máquina!. Este sábado dixo adeus ata o ano que ven a unha actividade intensa de obradoiros, contacontos, espectáculos, concertos e visitas que levaron polas salas do Pazo da Cultura a 26.000 persoas.
A derradeira xornada foi igual de activa que as 21 anteriores e tivo como broche de ouro o acto de homenaxe á autora Marilar Aleixandre, cargado de emotividade da man da escritora de Lérez Fina Casalderrey, que destacou as cualidades profesionais da protagonista, destacou vivenzas persoais froito da amizade que as une e pechou cunha emotiva aperta.
A autora homenaxeada fixo un repaso da súa traxectoria dende que se iniciou no amor pola lectura á idade de 3 anos e medio e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, pechou o acto agradecendo a labor de quen cada ano co seu traballo fan posible o Salón. Destacou tamén a importancia de manter nestes tempos un proxecto cultural desta índole, aberto a todos, e que promete estar de volta aínda con máis forza o ano que ven.
Logo dunha tarde co obradoiro Títere Hop de Viravolta e o espectáculo Ollos de Mel de Pirilampo, a máquina da cultura pechou as portas por este ano cun balance de case 6.000 asistentes máis que en 2012 a pesares de estar funcionando unha semana menos.
A edición 2013 foi a da consolidacion de propostas que veñen de anos atrás como os pasarrúas dos Velocíclopes, as actividades para bebés e os espectáculos deseñados especialmente para o Salón do Libro. Nesta ocasión foi da man de A cidade das máquinas, con conto inédito e música da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, e Seis Barbudos, que a partir do conto de OQO Editora, e contando coas poetisas María Lado e Lucía Aldao e a música ao vivo do Seminario Permanente de Jazz foron todo un éxito.