Orbil despídese ata o próximo ano tras recibir 1.400 visitas diarias en 'Canta bichería!'

Pontevedra
23 de abril 2016

A XVII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra pechou este sábado tres semanas de atividades cun balance de participación de máis de 32.000 persoas entre público familiar e concertado con centros escolares. Os datos supoñen superar a participación do último ano no que o Salón tivo unha duración similar, 2014, con 29.000 visitantes

Orbil e o equipo do Salón do Libro pechan as portas ao remate da edición 2016, 'Canta bichería!'
Orbil e o equipo do Salón do Libro pechan as portas ao remate da edición 2016, 'Canta bichería!' /

Orbil, a famosa mascota do  Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, acompañado polos responsables da iniciativa e todo o equipo de traballo que o fai posible pecharon as portas do Pazo da Cultura a última hora da tarde deste sábado. Non foi un peche simbólico. Eran as 20.00 horas e estaban a poñer fin á XVII edición do Salón, que levou por lema 'Canta bichería!', e a tres semanas de atividades. Atrás queda un balance mais que satisfactorio para os organizadores, pois a edición deste ano contou coa participación máis de 32.000 persoas entre público familiar e concertado con centros escolares, o que supón unha media de 1.392 visitas diarias.

"A satisfacción é máxima polo ambiente que se respira no Salón e por ter cumprido amplamente co noso obxectivo de achegar a lectura a través da diversión, o descubrimento..., de achegarnos a novos públicos como así o demostran as cifras, que confirman, que está é unha iniciativa necesaria", indicou a concelleira de Cultura de Ponteveda, Anxos Riveiro, satisfeita porque os datos supoñen superar a participación do último ano no que o Salón tivo unha duración similar, 2014, con 29.000 visitantes. En 2015 houbo un balance de 34.000 persoas, pero a iniciativa prologarase durante unha semana mais. 

Ademais de facer balance da edición deste ano, Anxos Riveiro aproveitou este sábado para anunciar xa a data do Salón do Libro 2017. Celebrarase entre o 10 de marzo e o 2 de abril e terá, entre outros, o obxetivo de seguir fomentando a inclusión e visibilizar o traballo dos centros escolares e compañías teatrais fóra do país a través da colaboración con outros salóns e feiras. 

Dende a organización do Salón indican que 'Canta Bichería!' foi unha das edicións máis especiais desta iniciativa ao contar por primeira vez cun libro escrito en exclusiva para o Salón pola escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura, As peripecias de Extravaganzza Pérez.  O Concello fixo unha tirada limitada de 2.000 exemplares dos que se repartiron máis de 1.700 aos centros escolares, hospitais, fondos de bibliotecas e tamén a través de sorteos na redes sociais, no propio Salón, na solta de libros en lugares emblemáticos da cidade e entre os assistentes ao espéctaculo deste sábado O esquío rampante.

Un ano máis os protagonistas foron os centros escolares, especialmente os 45 colaboradores e os seus traballos. A maioria pertencen ao Concello de Pontevedra, pero tamén participaron outros de Cangas, Ponte Caldelas, Vigo, Vilagarcía ou Rianxo. Ademais, asistiron aos espectáculos do Salón centros de Pontevedra, Poio, Marín Bueu, Cangas, Moraña, Salvaterra, Vigo, Porriño, Redondela, O Rosal, Pobra do Caramiñal ou Ponteceso.

Ao remate desta edición, a organización valora moi positivamente a captación de novos públicos e comenta que moitas famílias visitaban o Salón por primeira vez con bebés e nenos de curta idade, ao tempo que nenos que medraron co Salón pasaron a ser público de proxectos como Noites Abertas pero non deixan de pasar a saudar.

Vigo, Cambados, O Grove, Redondela, Vilagarcía, Cangas, Vilaboa, son algunhas das procencias dentro da  provincia, que segue sendo o público maioritario do Salón, aínda que hai representación de todos os puntos de Galicia e tamén visitantes de Zaragoza ou Burgos e tamén doutros países como Portugal, Alemania, Londres, Francia ou Italia.