Once obras galegas do século XX incorpóranse á colección permanente do Museo de Pontevedra

Pontevedra
25 de abril 2023

Carmen Gómez Pérez-Neu e Mercedes Ruibal súmanse á representación feminina con pinturas nas que retratan outras mulleres. Conde Corbal, que vén de ser homenaxeado pola Deputación, e Luis Torras engádense e á nómina de artistas galegos no Edificio Castelao, que gaña novas obras de Laxeiro, Roxelio Lorenzo e Ramón Rivas

Xosé Conde Corbal: Retrato de Antonio Odriozola
Xosé Conde Corbal: Retrato de Antonio Odriozola / Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra vén de renovar as salas expositivas dedicadas á arte galega do século XX coa incorporación de once novas pinturas e debuxos. Son creacións de sete artistas: Carmen Gómez Pérez-Neu, Mercedes Ruibal, Luis Torras, Xosé Conde Corbal, Laxeiro, Roxelio Lorenzo e Ramón Rivas.

Con esta renovación, refórzase a presenza de mulleres artistas, con dúas creadoras que ata agora non figuraban na mostra; e a temática da represión e o exilio, con obras de Roxelio Lorenzo e Laxeiro relacionadas co tema.

As novas incorporacións sitúanse no terceiro andar do Edificio Castelao. Na sala 2, a ampla selección de obras de José Otero Abeledo "Laxeiro" (Lalín, 1908 - Vigo, 1996) vese ampliada con catro retratos de grande interese: un do mestre e músico Antonio Iglesias Vilarelle do ano 1940, outro do pintor Antonio Medal da mesma década e dúas obras vinculadas á represión e o exilio.

'Homenaxe a Castelao' é un debuxo dunha cabeza de muller, feito arredor de 1950 e inspirado na obra do autor rianxeiro, que Laxeiro lle regalou á súa viúva, Virxina Pereira, e que chegou ao Museo como parte do legado testamentario dela. E 'Retrato do xeneral Fernando Martínez-Monje Restoy' é un lenzo que Laxeiro pintou en Buenos Aires en 1961 e co que en 1970 gañou a Medalla de Ouro da I Bienal Regional de Arte de Pontevedra. Ao certame presentouno como 'Retrato de home', evitando que naquel momento do tardofranquismo se identificase ao retratado, un importante militar republicano e masón.

O percorrido temático da represión conta con outra nova obra na sala 4: 'Amnistía' pintada en 1977 por Roxelio Lorenzo (Ponteareas, 1921 - Pontevedra, 2003). Nese lenzo mostra a un grupo de presos alegrándose pola noticia publicada no xornal. Das paredes da mesma sala colga agora o óleo 'A pataqueira', un expresivo retrato feminino no exterior do que é autor Ramón Rivas (Vigo, 1930 - Lausana, 1996).

A mostra estable gaña tamén dúas obras do pintor e gravador Xosé Conde Corbal (Pontevedra, 1923 - Vilagarcía, 1999), cando se celebra o centenario do seu nacemento e a Deputación de Pontevedra lle dedicou a semana pasada as xornadas Arte e Memoria.

A partir de agora as persoas que visiten o Museo poderán contemplar a súa augada de temática etnográfica 'Vacas ao carro' (1959), unha das súas primeiras creacións, e o retrato que en 1989 fixo do seu amigo Antonio Odriozola, captando con mestría o carácter do bibliógrafo e erudito vasco afincado en Pontevedra. 

DÚAS MULLERES ARTISTAS

Dúas mulleres artistas súmanse á representación feminina na exposición permanente do Edifico Castelao e fano con pinturas nas que retratan outras mulleres.

O lenzo 'Cecilia' foi pintado en 1941 por Carmen Gómez Pérez-Neu (Ribadavia, 1919 - Madrid, 2005) e 'Nena', do ano 1974, é unha mostra do expresionismo primitivista de Mercedes Ruibal (Pontevedra, 1928 - Madrid, 2003).

Tamén é unha muller a protagonista da obra coa que Luis Torras (Vigo, 1912) se incorpora, aos seus 110 anos, ás salas do Edificio Castelao. En 'Composición' retratou á súa esposa, María Jesús Incera, nunha obra que lle valeu en 1960 o Premio do Concello de Pontevedra na Exposición Nacional de Bellas Artes celebrada en Barcelona.