Once libreiros de Pontevedra únense para celebrar o Día do Libro

Pontevedra
18 de abril 2017

Pasen e lean. Esa será a proposta coa que Pontevedra celebrará este domingo 23 de abril o Día Internacional do Libro. A praza da Ferrería acollerá un evento no que once libreiros da cidade porán a disposición dos asistentes as últimas novidades editoriais

Feira do Libro Novo
Feira do Libro Novo / Mónica Patxot

Pasen e lean. Esa será a proposta coa que Pontevedra celebrará este domingo 23 de abril o Día Internacional do Libro. A praza da Ferrería acollerá un evento no que once libreiros da cidade porán a disposición dos asistentes as últimas novidades editoriais.

As librarías participantes serán Paz, Seijas, Cronopios, Patakafrita, DLectum, Cao, Aviones de Papel, Nobel, Clip, El Pueblo e Metáfora.

Todas elas contarán cos seus propios puntos de venda. Estarán abertos de 11.30 a 14.30 horas e de 16.30 a 20.30 horas.

O espazo instalado na praza da Ferraría contará ademais cun amplo programa de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o día, pensadas tanto para público infantil como adulto.

Así, ás 12.00 horas haberá unha sesión contacontos a cargo de Raquel Queizás, na que presentará Cocorocó, un espectáculo de narración oral no que se empregan obxectos, monicreques, debuxos e interacción co público. É unha homenaxe ao libro A Galiña Azul de Carlos Casares.

Na sesión vermú das 13.00 horas haberá a actuación de LiliCleta, un triciclo de 1966 reciclado e transformado nunha retro-discoteca-cine ambulante, un escenario de imaxes e son a pedais, singular, chamativo, entrañable, ecolóxico e para todos os públicos.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, Polo Correo do Vento ofrecerá un dos seus divertidos contacontos, que teñen como obxectivo a promoción da lectura, a creatividade e a comprensión oral en galego; e ás 18.30 horas, a polifacética Isabel Risco presentará o espectáculo Nabiza Girl onde a poderemos ver en estado puro traballando o humor máis galego.

A programación concluirá ás 19.30 horas cun concerto de Flip Corale, un grupo de rock pontevedrés que encherá de boa música a praza da Ferraría para poñer broche de ouro a esta xornada.

Arquivado en