O grupo de música infantil Mamá Cabra actuará este venres, ás 20 horas, no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra para repasar toda a súa discografía máis tamén, e sobre todo, os temas que protagonizaron o seu último libro-disco-DVD, "Bicos de música".
Mamá Cabra son Pablo Dalama (frautas, gaita, saxofón), Paco Cerdeira (guitarra eléctrica), Diego Maceiras (acordeón, acordina), Rodrigo López (batería e percusión), Tomi López (baixo eléctrico e guitarras), Gloria Mosquera (cantante) e, Paula e Sandra Romero, Montse Rivera, Merchy Rozas, Miguel Flores e Roel que compoñen o coro.
A idea orixinal partíu de Gloria que facía cancións para as súas clases de Educación musical. Empezaron coa idea de facer un disco: Cantos Rodados, de dez temas que se baseaban en poemas de autores como: Antonio G. Teijeiro, Concha Blanco, Ana María Fernández... e Gloria Sánchez, claro. Pero acabaron subidos a un escenario e artellando xogos para compartir.
Os espectáculos son sobre todo participativos e didácticos. Sempre hai unha canción para falar da importancia de comer de todo, de comer froitas e verduras, sempre hai algunha de bailar e sempre hai algunha de cantar. Duran sobre unha hora e van dirixidos a nenos entre 0 e 10 anos.