Ata finais de marzo poderá visitarse a mostra 50 anos dende Tambor, que foi inaugurada este martes na sede da Fundación Manuel Moldes, no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal.
Esta exposición coincide coa celebración do que sería o 75 aniversario de Manuel Moldes, polo que tamén serve para lembralo e festexar esta efeméride.
Recolle algunhas das pezas da exposición orixinal da galería Tambor e tamén avanza na evolución creativa de ambos artistas, Manuel Moldes e Mikel Díez Alaba, ao longo do tempo con obras de diferentes épocas, estilos e formatos.
Deste xeito, a mostra recrea de xeito artístico o diálogo que mantiveron en tempos de xuventude ambos os dous artistas.
A galería Tambor foi un referente cultural en Madrid a mediados dos anos 70. Abriu hai medio século coas obras do artista pontevedrés, que daquela tiña tan só 24 anos, e do bilbaíno Mikel Díez Alaba, que tiña 26.
Na inaguración da exposición, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou que este proxecto demostra que esta fundación xa se ten consolidado como un "relevante punto de referencia" na programación e na actividade cultural de Pontevedra.
Por estes motivos, López Campos celebrou a súa incorporación ao "amplo e diverso" circuíto cultural co que conta Galicia por todo o territorio.
O conselleiro destacou especialmente a contribución deste espazo á divulgación da arte galega, conservando a obra de Manuel Moldes e configurándose como un espazo expositivo para os creadores.