Obradoiros, contacontos e presentacións literarias, a actividade non se detén no Salón do Libro

Pontevedra
05 de marzo 2013

Preto de 500 niños asisten diariamente ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, unha cifra que volve amosar o éxito desta iniciativa cultural. E o mesmo pasou este martes. Foi unha xornada con moita actividade neste Salón do Libro

Actividades da XIV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Actividades da XIV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra /

Preto de 500 rapaces asisten diariamente ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, unha cifra que volve demostrar o éxito desta iniciativa cultural. E o mesmo pasou este martes. Todos eles pertencen a educación infantil e primaria e participan dos contacontos e obradoiros que se lles conceden gratuitamente en agradecemento á súa colaboración.

Pavís Pavós, Queliña, Andrea Bayer e Celso Fernández ocupan catro espazos diferentes nos que os nenos máis pequerrechiños escoitan moreas de contos. Mentres o alumnado de primaria asiste ao obradoiro de Ilustración onde aprenden a debuxar seguindo un método moi divertido e diferente, ou o de ScrapBook, onde constrúen coa técnica do Pop Up, superpoñendo capas, unha postal cun gramófono como o que atopan na sala de exposicións.

Ademais, noutro dos obradoiros achéganse ao mundo da fotografía grazas á montaxe das cámaras de papel con recortables en 3D e no último deles, o taller denominado Arte-Facto, elaboran bonequiños a mar de simpáticos.

Pero todos eles fixeron unha parada para participar na homenaxe a Mercedes Vázquez, una das impulsoras, hai catorce anos, deste Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Nel, nenos e nenas de terceiro de primaria do CEIP Campolongo representaron o conto Cocorico e alumnos do CEIP San Martiño recitaron poemas de Rosalía de Castro.

Foi unha xornada con moita actividade neste Salón do Libro. No marco da súa programación presentouse tamén Galaxia Tales, unha web de contos interactivos. Un proxecto en galego, inglés e castelán no que a editorial Galaxia ofrece historias listas para seren visualizadas e mercadas dende calquera soporte que teña conexión a Internet. Estes contos non só conteñen animacións, senón tamén música orixinal e locución nas tres linguas.

O proxecto complétase con fondos de escritorio, láminas para colorear e extras relacionados cos autores, ilustradores e actrices de dobraxe que participan no proxecto. Galaxia Tales arrinca con dúas achegas: Unha sorpresa para Goruk de Daniel Landesa con ilustración de María Longa e Así comezaron as aventuras da Rosa dos Ventos e Xan Pericán de Joel Franz Rosell con ilustración de Luis Castro Enjamio.

As actividades para este mércores inclúen a última xornada do obradoiro O trenciño rebuldeiro, no que durante catro días, nenos e nenas maiores de catro anos rematarán de construír, da man da Editorial Patas de Peixe, un tren de xoguete que, por fin, comezará a funcionar. E ás 18.30 horas, dez alumnos do CEIP Marcos da Portela contarán contos sobre o tema do Salón: A toda máquina.