Un obradoiro de banda deseñada con Inés Vázquez para celebrar o Día das Bibliotecas

Marín
21 de outubro 2024
Actualizado: 17:34

Aínda que a celebración do día é o 24, o obradoiro será o sábado ás 12.00 horas e está dirixido a todos os públicos, a partir de 8 anos, e sen necesidade de ter nocións de debuxo previas

Hugo González, concelleiro de Xuventude, presenta o Día das Bibliotecas
Hugo González, concelleiro de Xuventude, presenta o Día das Bibliotecas / Concello de Marín

Marín celebrará o Día das Bibliotecas cun obradoiro de banda deseñada que estará impartido pola ilustradora Inés Vázquez. Será o sábado 26 de outubro, a partir das doce da mañá.

O obradoiro estará dirixido para toda a familia, recomendado para que participen nenos e nenas a partir dos 8 anos e para o que non será preciso ter nocións previas.

A práctica consistirá en facer unha páxina de cómic seguindo os consellos e ensinanza da ilustradora.

Inés Vázquez estudou Comunicación Audiovisual durante un ano, despois do cal decidiu apostar pola ilustracións e os cómics, cursando tres anos na escola de O Garaxe Hermético, de Pontevedra.

Tras participar en diversos fanzines e colaborar en proxectos de ilustración, deu o salto ao mundo da animación facendo ilustracións preparatorias (layouts) para Lighthouse Studios (Irlanda).

Entre as súas obras destacadas están a serie de animación If You Give a Mouse a Cookie para Amazon Prime, os títulos de banda deseñada Licor café, 221BD e A vila dos debuxantes do norte ou a exposición Escenarios da Prehistoria para o Museo de Pontevedra.