O xoves inauguran o rótulo co nome do edificio do Museo e a mostra 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921'

Pontevedra
29 de novembro 2021

Esta exposición permanecerá aberta ata o 23 de xaneiro e amosará o orixinal do diario manuscrito polo autor no seu percorrido formativo e reproducións dos 131 debuxos, fotografías e recortes incluídos no texto. O evento comezará ás 20.00 horas coa presentación na praza dianteira do Edificio Castelao da instalación das novas letras

Edificio Castelao do Museo de Pontevedra
Edificio Castelao do Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

O xoves 2 de decembro celebrarase o acto institucional coa inauguración do rótulo que ofrecerá a imaxe da denominación do Edificio Castelao na fachada do inmoble museístico na rúa Pai Amoedo. Será ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar o aforo. 

A presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o director do Museo, Xosé Manuel Rey, realizarán os discursos institucionais, con acompañamento musical.

Aproveitando este acto, tamén se inaugura a exposición que realiza un percorrido sobre parte da traxectoria do autor de Rianxo. A mostra leva por título 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921'.

Ángeles Tilve, comisaria da mostra, realizará unha visita guiada explicando os elementos máis importantes da conmemoración do centenario da viaxe que Castelao realizou por Europa e que recollía nun diario.

A mostra permanecerá aberta ata o 23 de xaneiro. Conta cunha estrutura en tres bloques e ademais ofrécese a posibilidade de ver o orixinal do manuscrito e as reproducións dos 131 debuxos, fotografías, recortes, impresos e tarxetas postais que o artista introducía no texto. Aparecen tamén fotografías de obras de diversos autores e un centenar de debuxos, apuntamentos e estudos que o autor de 'Cousas' realizou nesta etapa.

Trátase dun período no que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, grazas á pensión da Junta para Ampliación de Estudos e Investigaciones Científicas, realizaba unha viaxe a Francia, Bélxica e Alemaña. Durante este tempo recibiu a influencia das correntes vangardistas europeas, que despois exercerían un importante papel na súa teoría e práctica artística e  litetaria.

O diario tiña un carácter ínimo e do seu contido só se publicaron algúns fragmentos reelaborados e matizados de reflexións sobre a arte europea, que foron recollidos na revista Nós.