120 persoas asistente, de maneira presencial, no Museo de Pontevedra ao 'X Encontro de Conservación e Restauración'. A elas súmanse outras noventa que seguen as xornadas a través de medios telemáticos desde Italia, Bélxica, Brasil, Estados Unidos, Bolivia ou Exipto. A xornada foi inaugurada por Carme Lorenzo, directora da Escola de Restauración, e polo director do Museo, Xosé Manuel Rey.
Ángel Luis de Sousa Seibane, integrante da Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte, era o encargado de intervir este xoves nunha sesión na que fixo fincapé na importancia do patrimonio cultural adquirida desde os terremotos de Lorca en Murcia, en maio de 2011. Desta forma, o patrimonio cultural pasou a ter a mesma relevancia que as infraestruturas e as telecomunicacións.
Ao longo da súa exposición analizou a evolución sobre as fórmulas coas que as administracións públicas en España foron utilizando para facer fronte a situacións imprevistas ou catástrofes naturais que poñían en perigo o patrimonio.
En 2010 creouse un equipo interdisciplinar no Ministerio de Cultura para protección do patrimonio en caso de emerxencias. Seis meses máis tarde foi necesario que interviñese en Murcia cun debate coa Delegación do Goberno e Protección Civil para que tamén se atendese á seguridade dos bens culturais, como obriga a Constitución. Ata ese momento, ningunha administración pública consideraba unha prioridade a protección do patrimonio cultural en situacións de emerxencias, indicou De Sousa.
A partir dese momento, coa elaboración en 2012 do Plan de coordinación e apoio para a protección de bens culturais en caso de emerxencia, as administracións comezaron a xestionar eses bens en caso dunha situación de alarma con protocolos de intervención.
Destacou as dificultades que conleva a aplicación desta iniciativa porque é necesaria a intervención de axentes externos como efectivos de Policía Local, Bombeiros ou Protección Civil, ademais de forzas e corpos de seguridade do Estado. Por este motivo, o conferenciante manifestou a necesidade de formación para facilitar metodoloxía de actuación sobre o patrimonio cultural.
O programa deste Encontro continúa durante o venres 26 cun cambio no programa, que obrigou a que as persoas representantes do Museo do Prado interviran nas sesións vespertinas deste xoves.