Novo éxito da Banda de Música de Salcedo. A agrupación pontevedresa logrou a vitoria no VII Certame Galego de Bandas de Música, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Popular no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) ao longo desta fin de semana. Foi na denominada sección primeira, a categoría reservada para bandas con máis de 71 membros.
A banda de Salcedo, baixo a dirección de José Alfredo Sánchez Murcia, acadou un total de 350 puntos. Completaron o podio a Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, dirixida por Miguel Rodríguez Barrio, con 308 puntos, e a Banda de Música Municipal de Valga, baixo a batuta de Manuel Villar Touceda, con 244 puntos.
O público que encheu ao longo da xornada o Auditorio de Galicia tamén puido gozar coas interpretacións das bandas de Caldas de Reis e Vincios.
O xurado composto por José Iglesias, José Luis Represas, Marta Silva, Xosé Carlos Seráns e José Luis Quintáns, anunciou o seu veredicto contra as nove da noite tras valorar afinación, sonoridade, interpretación e técnica de cada unha das bandas participantes.
As cinco bandas interpretaron durante 45 minutos cada unha un pasodobre, unha obra obrigatoria, Insomnio de Juan Manuel Eiras, e unha obra de elección libre. A primeira clasificada, a banda de Salcedo, decantouse polo pasodobre Bagaxes de Carlos Rodríguez e pola obra Belkis, Regina di Saba de Ottorino Respighi.