O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, reivindicou a capacidade de traballo da dirección e o equipo do Museo, ao afrontar a organización de eventos de gran relevancia como Congreso Nacional de Numismática arrancou este xoves en Pontevedra a súa 17ª edición ou a exposición ‘O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón. Do coleccionismo ao museo’ que tamén abriu as súas portas este mesmo día.
Ao mesmo tempo o Museo desenvolve unha intensa programación expositiva e se traballa en retos que marcarán o devir da institución, como a definición dos futuros espazos arquitectónicos do convento de Santa Clara e os edificios centrais.
Desde este xoves e ata o sábado, uns 150 expertos de museos, universidades e institucións de toda España debaterán en Pontevedra sobre o futuro da numismática. Hai 82 comunicacións presentadas, a cifra máis alta en todas as edicións deste evento.
A encargada de abrir o congreso foi Erea Castro Afonso, conservadora do Museo, cunha conferencia na que falou sobre “As coleccións numismáticas no Museo de Pontevedra e o legado Blanco Cicerón”. Ese legado está formado por máis de 5.000 moedas e medallas, que son unha parte nuclear da colección numismática do Museo, formada por máis de 15.000 pezas.
Pola tarde inaugurouse esta mostra que recupera a figura de Ricardo Blanco Cicerón (Tui, 1844 - Santiago de Compostela, 1926), un apaixonado das artes e as humanidades que atesourou unha basta colección de obxectos históricos e está considerado o coleccionista de maior relevancia para a historiografía da arte en Galicia.
Poderase visitar no claustro do Edificio Sarmiento ata o 10 de novembro.